16 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Barreiros contará cun orzamento de 4.400.000 euros para 2018. Desa cifra, un millón de euros van destinados a investimentos, segundo ven de subliñar o Alcalde, Alfonso Fuente

12-01-18

Barreiros, 12 de xaneiro de 2018. O vindeiro luns, 22 de xaneiro, ás 19:30 horas terá lugar no Concello barreirense un pleno extraordinario no que se someterá a aprobación o orzamento municipal para 2018, que ascende a 4.400.000 euros. Desa cifra 1 millón de euros están destinados a investimentos. O alcalde, Alfonso Fuente, amósase sorprendido polas críticas realizadas nas últimas horas desde o BNG.
O rexedor manifestou: “a verdade é que despois de escoitar ás críticas do BNG aos presupostos e ao recoñecemento extraxudicial de crédito do Concello de Barreiros sorpréndeme que digan que hai que pagar as facturas. Evidentemente cando hai unha serie de gastos hai que pagar as facturas, facturas que non se puideron aprobar no ano 2017 e apróbanse agora no 2018. Trátase de facturas de luz, de recollida do lixo ou do servizo de cobro de auga. Esas facturas hai que pagalas porque eses servizos se prestaron no ano 2017 e se van a pagar no 2018. O BNG é un partido que está na oposición, non está no goberno, non sabe e por iso llo hai que explicar, que se unhas facturas non se poden aprobar no 2017 se aproban agora neste ano para pagalas. E insisto páganse porque se prestan eses servizos”.
A Fuente Parga parécelle “curioso, porque si ben as críticas do BNG se dirixen moitas veces ás administracións gobernadas polo PP dicindo que solo sabemos recortar e por outro lado se queixan de que hai que pagar as facturas. Está claro que se non se recorta hai que pagar os servizos, porque eu non vexo que cando goberna o BNG as eléctricas non lles cobren ou as empresa de recollida do lixo tampouco. Eles, como é normal, teñen que pagalas igual. Polo tanto, iso é que facemos neste Concello aprobar as facturas en pleno para pagalas porque se trata de servizos prestados. E insisto en que eses servizos hai que pagalos porque non se recortou ningún deles. En Barreiros séguese a prestar o servizo de recollida do lixo, segue habendo alumeados públicos e incluso os estamos a aumentar, e todos eses servizos cando se prestan hai que pagalos”.
O alcalde barreirense engadiu que “o que me resulta curioso é que non falen de que no presuposto de 2018 se contempla unha partida dun millón de euros en Barreiros. Iso parece que está desaparecido nos presupostos por iso quero poñelo eu enriba da mesa. Neste novo ano investiremos un millón de euros, parte deses cartos irán destinados á nova depuradora de auga e outra a vías municipais, a maiores doutras subvencións que se poidan ir recibindo ao longo do 2018 para novas inversións”.
A Alfonso Fuente sorpréndelle “esa visión catastrófica que queren ofrecer de Barreiros, porque precisamente é un Concello que segue a prestar servizos, que non recorta en nada e como é lóxico, e como todo o mundo sabe, as facturas da luz, da auga e da recollida do lixo hai que pagalas, e para pagalas hai que aprobalas. É unha actuación normal dentro da actividade de calquera Concello”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive