24 de Abril de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP fai un balance moi negativo do ano 2017 no Concello de Ribadeo porque o goberno local prexudicou á hostalería local, ten abandonada a zona rural e non resolveu asuntos como a falla de saneamentos, a traída de auga e o xulgado de paz

09-01-18

Ribadeo, 9 de xaneiro de 2018. O Partido Popular de Ribadeo fai un balance moi negativo do pasado ano 2017 para este concello porque o equipo de goberno o que fixo foi prexudicar á hostalería local, non houbo actuacións en materia de promoción de emprego, o rural está abandonado,e non se fixo nada para arranxar a traída de auga nin o local do xulgado de paz. O PP subliña que os investimentos brillaron pola súa ausencia e Ribadeo medra por inercia a pesar da inacción do goberno local.
O portavoz popular no Concello de Ribadeo, Jesús López Penabad, manifestou: “queremos valorar o ano 2017 que acaba de rematar e merece un análise. O actual goberno local leva case tres anos, son máis de mil días, e están desde hai quince anos no goberno, catro en bipartito e o resto en solitario con minoría e despois dúas maiorías absolutas. Cremos que no 2017 o máis destacado foi a pista de xeo, polo menos o que máis soou, xunto con As Catedrais, como sempre. E queremos recordar que ACISA é a gran promotora da pista de xeo, tanto economicamente como de traballo, aínda que nos carteis non aparece, o que nos vemos lamentable porque se non fora ACISA non existiría esa pista de xeo en Ribadeo. Economicamente parece ser que non é moi rendible, pero esperemos que sexa proveitoso para o comercio ribadense”.
O voceiro do PP engadiu que “á hostalería, e concretamente ás terrazas, o único que fixo o goberno local foi poñerlles paus nas rodas, como soe dicir o señor alcalde. O equipo de goberno o que fai é atascar e non axudar en nada a un sector tan importante en Ribadeo como é a hostalería, ás terrazas en concreto, e o comercio. Se falamos de promoción de emprego a actuación do Concello brilla pola súa ausencia; hai un obradoiro de emprego financiado integramente pola Xunta de Galicia, con 145.000 euros, e por parte do Concello nada”.
Jesús López Penabad manifestou tamén que “no rural os saneamentos son moi necesarios, sobre todo na zona da costa, pero o investimento foi cero. Amáñanse estradas con aglomerado cando a Xunta de Galicia participa nesas obras, por exemplo vaise mellorar unha en Piñeiro agora, con 59.000 euros que financia AGADER. Outro problema que cremos que é grave, quizais o máis grave que ten Ribadeo, é a acometida da auga, pero desde o goberno local non se fai absolutamente nada de nada, só queixarse; é competencia do Concello pero non se soluciona nin se fai nada nese tema. O Concello ten por parte da Xunta de Galicia 425.000 euros do Fondo de Cooperación Local e 500.000 euros da Deputación do Plan Único, todos os anos 1 millón de euros que podían investir aí porque hai dispoñibilidade para elo, pero nada de nada. É un problema grave que necesita ser solucionado e as competencias son do propio Concello”.
O portavoz popular salienta ademais que “para as dependencias do xulgado de paz, que estivo de actualidade ultimamente, a Xunta estaba disposta a aportar no seu momento 30.000 euros, investimento ao que terían que sumarse os do Concello e da Deputación, pero iso rexeitárono. E agora ofrece dous locais que non cumpren os requisitos para poder albergar ese xulgado de paz. A única competencia do Concello é a de ter un local en condicións dignas para que estes traballadores poidan realizar o seu traballo, porque os gastos de oficina e dos empregados págaos a Xunta de Galicia. Pero o Concello non fai a parte que lle corresponde e o alcalde sempre lle bota a culpa ao de enfronte aínda que é competencia súa. Debería solucionar un problema grave que ten esta xente que está no xulgado de paz, porque traballar todos os días nesas condicións parécenos realmente lamentable”.
Jesús López engadiu: “sobre a residencia da terceira idade a ver se por fin este ano sabemos como se vai xestionar. Nosoutros imos estar nesa comisión e sempre apoiaremos que sexa asequible para todos os ribadenses; se é para Ribadeo e para os ribadenses que economicamente sexa asequible”.
Para o voceiro do PP o goberno local “o único que fai é anunciar obras, como as da rúa San Roque, que, por certo, tanto os veciños como nosoutros denunciamos moitísimas veces o estado no que se atopa porque as beirarrúas están nunha situación lamentable e incluso xa houbo algún accidente; esperamos e desexamos que esta obra se leve a cabo, así como a da entrada de Ribadeo. Creo que se nota a proximidade das eleccións; dado que van a ser a mediados de 2019 este parece ser o ano no que anuncian algo porque ata agora os investimentos brillaron pola súa ausencia. A xestión e os investimentos nestes últimos tres anos, e concretamente no 2017, foron moi pobres”.
Poro todo isto Jesús López Penabad asegura que “se Ribadeo medra é por inercia e non pola acción do goberno local, que é practicamente nula”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive