23 de Abril de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

PSOE e veciños insisten mañá no “non” á supresión das áreas sanitarias que impón o PP coa caravana reivindicativa pola Mariña

12-01-18

Lugo, 12 de xaneiro de 2018.- PSOE e veciños insisten mañá, sábado 13 de xaneiro, no “non” á supresión das tres áreas sanitarias que impón o Partido Popular, desmantelando os Hospitais Comarcais, recortando máis servizos e afondando na precariedade da sanidade pública na provincia, coa caravana reivindicativa pola Mariña que organiza a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca mariñá. A Secretaria de Acción Política da Executiva Provincial Socialista na Provincia de Lugo, Sonsoles López Izquierdo, e o Secretario de Sanidade, Miguel Fernández Méndez, fan un chamamento á participación nesta cita para “defender xuntos á saúde como un dereito que temos todos os veciños, un sistema sanitario público, de calidade, universal e descentralizado, dicindo non á reforma da Lei de Saúde que nos impón o Partido Popular”.

Os socialistas explican que o anteproxecto de reforma da Lei de Saúde Pública que aprobou en pleno mes de agosto e sen consenso algún o PP implica a desaparición das tres áreas sanitarias que hai na provincia (Mariña, Lemos e Lugo). Isto supón que os Hospitais Comarcais da Costa e de Monforte de Lemos queden sen autonomía na xestión dos seus recursos en asistencia primaria e especializada, pois esta centralizarase na capital luguesa.

As consecuencias para os 70.000 veciños da Mariña e os 60.000 do Sur que acoden aos hospitais da Costa e de Monforte de Lemos pasan por contar con aínda menos servizos sanitarios e unha atención máis precaria nos seus centros. Pero isto tamén afectará aos veciños cuxo hospital de referencia é o HULA pois, cos mesmos recursos sanitarios, que xa son deficitarios debido aos recortes e ás privatizacións aplicadas polo Partido Popular, este hospital deberá atender as necesidades dos máis de 300.000 lucenses. Polo tanto, a reforma sanitaria do PP afecta á calidade da sanidade pública que por dereito deben recibir todos os cidadáns.

Por exemplo, un veciño de Sober terá que desprazarse a Lugo para unha consultar especializada ou ben agardar que o propio profesional se traslade dende a capital ao Hospital de Lemos. Isto provocará que todos os cidadáns teñan que agardar aínda máis tempo para ser atendido, cando a lista de espera por unha consulta especializada é de meses e ata de máis dun ano.

“O PP homoxeniza na provincia o modelo de sanidade pública que xa ofrece aos veciños da Montaña, que fan viaxes de hora e media para unha consulta médica. O Partido Popular avanza no desmantelamento da sanidade pública e na súa privatización, pois con esta reforma derivaranse aínda máis consultas, probas, operacións… aos centros privados, como xa sucede dende hai tempo. Esta reforma é un novo castigo aos lucenses, pois o PP suprime as tres áreas sanitarias da nosa provincia, pero non así ás da Coruña ou Pontevedra por algún interese privado que non queren contar”, subliñaron López Izquierdo e Fernández Méndez.

Exemplos do desmantelamento da sanidade pública do PP
A reforma na Lei de Saúde é un paso máis no desmantelamento da sanidade pública que está a levar a cabo o PP. Son exemplo disto as seguintes medidas que xa impuxo o Partido Popular:

Privatización dos servizos de xestión de historiais médicos, mantemento, informática, material quirúrxico…: o PP está a desmantelar a sanidade pública na provincia coa privatización progresiva de diferentes servizos nos hospitais. Por exemplo, privatizou o servizo de xestión dos historiais médicos e trasladou á unha empresa os historiais médicos. Agora, na provincia, ao non estar dixitalizado o 100% desta documentación, en moitas ocasións os profesionais da sanidade pública non poden acceder e consultar dende o hospital esta información. Isto provoca que os pacientes con cita teñan que volver ás súas casas sen ser atendidos porque o seu historial non chega a tempo ao centro hospitalario. No Hospital de Monforte de Lemos, os propios profesionais denunciaron demoras no simple cambio dunha luminaria no quirófano pola privatización do servizo de mantemento, a imposibilidade de acceder a documentación pola privatización do servizo de informática ou a falta de material quirúrxico imprescindible pola mesma causa.

– Falta de especialistas: outra das eivas máis importantes da sanidade pública na provincia son os recursos humanos, especialmente a falta de médicos especialistas, que son totalmente insuficientes. Por exemplo, no Hospital da Costa, para máis de 70.000 veciños, hai 1 só médico de rehabilitación ou 1 só reumatólogo, que está dando cita con esperas de preto de 1 ano. No Hospital de Monforte de Lemos, para máis de 60.000 veciños, hai 1 neurólogo, 1 neumólogo, 1 endocrino, 1 dixestivo ou 1 oftalmólogo, que ademais é eventual. Témese que nun curto prazo de tempo haxa tamén 1 só cardiólogo porque o PP non cubre as prazas dos profesionais xubilados dende hai moito tempo.

– Servizos públicos precarios e deficitarios: No Hospital da Costa as persoas que teñen problemas cardíacos teñen unha lista de espera superior aos 400 días para facer unha simple proba de esforzo necesaria para detectar calquera problema no corazón; non se colocan marcapasos ou nin tan sequera se fan as revisións ou os cambio de pilas destes aparellos, tendo que vir á cidade de Lugo. Tampouco teñen un servizo de xeriatría porque o PP non o considera “necesario” cando máis do 22% da poboación da Comarca supera os 65 anos. No caso de detectarse un grande prematuro na Costa, hai que derivar á nai de xeito directo a centros da cidade de Lugo porque non hai medios para que poida nacer en Burela. As resonancias non se poden facer tampouco na Mariña porque non hai máquina fixa. As probas realízanse 1 vez ao mes nun camión móbil que se despraza a Burela e aparca en fronte do centro. No Hospital de Monforte de Lemos a lista de espera para unha consulta cun alergólogo é de 1 ano.

Caravana reivindicativa pola Mariña
O Hospital da Costa é un claro exemplo do desmantelamento da sanidade pública, que está a levar a cabo o PP na provincia de Lugo. Por iso, mañá, sábado 13 de xaneiro, terá lugar unha caravana de coches privados para reivindicar a retirada da reforma da Lei de Saúde que impón o Partido Popular e, polo tanto, o mantemento das 3 áreas sanitarias.

Os participantes sairán dende os centros de saúde de San Cibrao, Foz e O Valadouro ás 11:00 horas da mañá. As rutas programadas son:

– RUTA 1: San Cibrao – Burela, saída do Centro de Saúde (Avenida da Veiga), estrada xeral de San Cibrao, Avenida do Cantábrico, N-642, Avenida de Galicia, Concello, saída á N-642, Camiño das Riveiras, Rúa A Casilla, Rúa Pomedo, Arcadio Pardiñas, Eijo Garay e explanada do Porto de Burela.

– RUTA 2: Foz – Burela, saída desde o Centro de Saúde de Foz (Rúa Corporacións Municipais), Avenida de Viveiro, N-642, Arcadio Pardiñas, Eijo Garay e explanada do Porto de Burela.

– RUTA 3: O Valadouro – Burela, saída do Centro de Saúde, LU-P0101, Rúa Fontenova, Rúa Andrés López Palmeiro, Avenida de Mondoñedo, LU-162, N-642, Arcadio Pardiñas, Eijo Garay e explanada do Porto de Burela.

– RUTA 4: Dende a Explanada do Porto de Burela, percorrido a pé ate o Centro de Saúde de Burela. A hora prevista para a saída dende a Explanada será sobre as 12:15h.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive