16 de Xullo de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Un total de 32 centros da provincia poñen en marcha clubs de lectura para este curso 2017/18

01-01-18

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2018.- Un total de 32 centros educativos de ESO, bacharelato, FP ou ensinanzas de réxime especial da provincia de Lugo poñerán en marcha este curso os clubs de lectura, espazos de dinamización a prol da lectura que, ademais, favorecen tamén a aprendizaxe de competencias clave. Prevese que participen ao redor de 1.800 lectores e lectoras nos club de lectura dos centros lucenses.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de publicar a resolución pola que se conceden axudas para sufragar os gastos derivados do desenvolvemento de actividades previstas para o club, fundamentalmente aqueles que teñen que ver coa adquisición de libros, que pasarán a formar parte dos fondos da biblioteca escolar. Para esta acción de fomento do hábito lector entre toda a comunidade educativa, a Consellería destinou 215.000 euros.

En total, son 231 os centros galegos que desenvolverán este curso clubs de lectura, nos que se prevé que participen máis de 12.000 lectoras e lectores. Os centros beneficiados poden consultarse no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/23951.

Á hora de realizar as asignacións aos centros valoráronse as iniciativas destinadas a impulsar a lectura de textos en lingua galega e que buscan contribuír a un maior vínculo das mozas e mozos coa lingua e a literatura galegas. Así mesmo, primáronse as que fomentan a participación nos grupos de lectura de varóns, co fin de contrarrestar os estereotipos de xénero nesta materia. Así mesmo, valoráronse de forma especial as propostas que impulsen a participación do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Espazos de convivencia e motivación
Os clubs de lectura funcionan como grupos de dinamización a prol da lectura nas comunidades educativas e como ámbitos de aprendizaxe de competencias clave para a vida. Asemade, ao implicar a diferentes membros da comunidade, son espazos para a convivencia e a educación cidadá, ao mesmo tempo que son útiles para incorporar á lectura a mozos e mozas que presentan pouco interese por este hábito. Así mesmo, tamén axudan a mellorar a autoestima e as habilidades sociais e de lectura do alumnado con dificultades específicas de aprendizaxe.

Por outra banda, nestas reunións adoitan introducirse as tecnoloxías da comunicación e a lectura dixital, así como as relacións con outros clubs, con bibliotecas públicas ou con entidades culturais do entorno máis próximo.

Plan LÍA 2016-2020
Cómpre sinalar, ademais, que o Plan LÍA 2016-2020 de bibliotecas escolares contempla como ámbitos de actuación para este período varios desafíos, entre eles o denominado Máis e mellores experiencias lectoras, que recolle entre as súas medidas a continuidade da convocatoria dos clubs de lectura, así como o deseño e posta en marcha de iniciativas destinadas a promover a lectura entre os denominados grupos de risco (adolescentes e varóns, fundamentalmente), así como entre o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive