25 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Policía Local de Burela realiza as campañas preventivas da DXT no centro urbano e incrementa servizos de seguridade cidadá

13-02-18

Burela 13-2-18. A DXT realiza ao longo do ano numerosas campañas preventivas de Seguridade Viaria, sendo as máis coñecidas as derivadas de controis de alcoholemia e drogas, velocidade, utilización de cinto, casco e Sistemas de Retención Infantil, utilización de móbiles, documentación de vehículos e condutores e mobilidade de peóns. Así por exemplo, do 15 ao 21 de xaneiro realizouse unha campaña especial de vixiancia das condicións do vehículo e do 19 ao 23 de febreiro terá lugar unha camapaña dedicada ao control do Transporte Escolar.

No centro urbano de Burela, estas campañas son realizadas pola Policía Local por ter asumidas as competencias en materia de Tráfico. En dous fins de semana leváronse a cabo máis de 40 probas de alcoholemia, con cinco resultados positivos. Tamén se incrementou o control de vehículos estacionados sobre beirarrúas, pasos de peóns, lugares destinados a ser usados por persoas con mobilidade reducida e cargas e descargas. O que se pretende é garantir que os peóns, especialmente os que utilizan cadeiras de rodas ou empuxan carriños de bebé, poden circular sen dificultades, así como que as descargas de mercadoría realícense de forma segura nos lugares habilitados para iso, libres de vehículos particulares, e non en dobre fila, sobre beirarrúas, etc.

Polo mesmo motivo, a Policía Local está a realizar informes de todas as terrazas de locais de hostalería, xa que nalgúns casos carecen das autorizacións necesarias ou non deixan o espazo suficiente para garantir a accesibilidade dos peóns, dificultando o paso.

Nuns días comezan os controis con drogotest a condutores e dispoñerase nas PDA´ s de acceso directo á base de datos de tráfico polo que se comprobará in situ a documentación de vehículos e condutores, para evitar a circulación sen seguro, itv ou sen permisos de conducir. Doutra banda, a detracción de puntos do permiso de conducir polas infraccións que levan aparellada a mesma realízase desde as propias dependencias da Policía Local.

En relación á seguridade cidadá, está a facerse un esforzo importante por incrementar o número de efectivos en eventos nos que se prevé a asistencia de numerosas persoas (desfiles, carreiras populares, festas, etc) así como nas noites dos sábados, nas que se controla o horario de peche dos locais ou se realizan controis de contaminación acústica de oficio ou a requirimento de veciños afectados. Tamén se reforza o control do consumo de bebidas na rúa, que xera problemas de convivencia veciñal e de tráfico, así como o consumo de alcol por parte de menores e o de drogas na vía pública. Xa se realizaron sete denuncias por consumo ou tenencia de drogas, algunhas delas a menores de idade, o cal xera unha preocupación importante.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive