21 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

As pistas de tenis da Marosa estrean nova iluminación. O Concello investiu 13.000 euros. Ramiro Fernández anuncia que o próximo obxectivo será facer un novo peche, xa que o actual está bastante deteriorado

23-02-18

230218 Foto pista tenis 2Burela, 23 de febreiro de 2018. O Concello ven de rematar as obras de cambio de iluminación das pistas de tenis nas instalacións deportivas de A Marosa. O investimento foi de case 13.000 euros, e o concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández Rey, manifesta que o próximo obxectivo é cambiar o peche desas pistas que se atopa moi deteriorado.
O edil socialista dixo que “procedemos a inspeccionar unha obra que é moi necesaria nas instalacións deportivas municipais de A Marosa, que era o cambio da iluminación das pistas de tenis”.
O responsable de Deportes dixo que “a iluminación que había a verdade é que non cumpría cos obxectivos de iluminación que alí pedía a xente que usaba as pistas. Fíxose un cambio a luminarias led, que a verdade é que deixan as pistas moito mellor iluminadas”.
Fernández Rey salientou que “a inversión que fixemos nese cambio de iluminación ascende a practicamente 13.000 euros, e puidemos comprobar que efectivamente o cambio de aspecto que teñen as pistas é moi importante e así nolo agradeceron tamén os integrantes do club de tenis que estiveron alí con nós revisando a instalación”.
O concelleiro de Deportes asegurou que “o obxectivo deste goberno é seguir mellorando as instalacións municipais. A Concellería de Deportes estase volcando nese aspecto para darlle as máximas facilidades a todos os veciños e veciñas de Burela para que poidan practicar deporte da mellor calidade posible”.
Ramiro Fernández anunciou que “o próximo obxectivo para rematar o que temos que facer nas pistas de tenis é o peche, que está bastante deteriorado debido a que as instalacións de A Marosa sofren as inclemencias do tempo. Queremos cambiar ese peche e esperemos que neste ano poidamos telo rematado”.
O edil burelés indicou que “para nós é un auténtico pracer cumprir cos obxectivos que nos marcamos, e que as asociacións e os clubs deportivos estean contentos coa labor que se está facendo desde o equipo de goberno”.
Ramiro Fernández explicou que “na revisión da obra estivemos o alcalde e máis eu, e membros da directiva, e quedamos moi satisfeitos con como quedou esa obra, e esperemos que sexa para moito tempo”.
Ramiro Fernández e o alcalde de Burela, Alfredo Llano, supervisaron a nova a iluminación das pistas. Fixérono acompañados por membros do club de tenis.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive