Foz 21-2-18. O BNG de Foz, por medio das súas concelleiras Lorena Seivane e Teresa Rego, presentará unha moción no próximo Pleno ordinario do 22 de febreiro na que propón a adopción de tres acordos para o correcto funcionamento do centro de saúde.
Por unha parte, instarán ao equipo de goberno a que solicite á Consellería de Sanidade que se cubran as baixas dos traballadores, as reducións de xornada e as vacacións dos profesionais do Centro de Saúde de Foz, para evitar o saturamento e a sobrecarga de traballo do resto de traballadores e para garantir unha sanidade pública de calidade.
En segundo lugar, instarán ao equipo de goberno a que solicite á Consellería de Sanidade a creación da praza de matrón/a, tal como se aprobara no Pleno ordinario de maio de 2017. “Foz é a única vila da comarca que aumentou poboación en 2017, en parte grazas aos novos nacementos. Non se entende como podemos seguir sen contar cun servizo tan importante, cando outros concellos máis pequenos e con menonatalidade si contan con este servizo.”
Por último, as concelleiras nacionalistas instarán ao equipo de goberno a que solicite á Consellería de Sanidade a reposición do servizo de urxencias na quenda de tres da tarde a dez da noite, suprimido desde maio do 2015, como paso previo á implantación do servizo de urxencias de 24 horas, reclamación histórica do pobo de Foz.
Na exposición de motivos, o BNG recoñece o sobreesforzo realizado pola totalidade do persoal do Centro de Saúde para superar as limitacións impostas pola mala xestión da Consellería. Podemos citar, entre outras, as reiteradas coberturas con medias xornadas, a non cobertura das baixas, a non reposición das xubilacións do persoal auxiliar de enfermería e a non cobertura a horario completo das reducións de xornada nas especialidades de Odontoloxía e Pediatría.
O Grupo Municipal do BNG é consciente de que os problemas do noso Centro de Saúde non son alleos ao deterioro da sanidade pública a nivel comarcal e nacional, debido á política de recortes e privatizacións levada a cabo polo PP en toda Galiza, que conta co apoio incondicional do Alcalde de Foz e do seu equipo de goberno. Fronte a esta situación, faise necesario seguir reclamando que os nosos impostos sirvan para financiar unha sanidade pública de calidade e universal, ao servizo das persoas e non de intereses privados.