26 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Barreiros convoca o I Concurso de fotografía A muller traballadora. A presentación de imaxes remata o 7 de marzo

26-02-18

Concurso fotografía muller traballadora BarreirosBarreiros, 26 de febreiro de 2018. O Concello organiza, a través do seu departamento de Servizos Sociais, unha serie de actos con motivo da celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, que se celebra o 8 de marzo.
Así convoca o I Concurso de Fotografía A Muller Traballadora coa finalidade de expresar por medio da fotografía a loita da muller polos deus dereitos, pola súa participación, en igualdade co home, na sociedade e no desenvolvemento íntegro como persoa. As bases recollen que a temática será a expresión por medio da fotografía desa loita da muller polos seus dereitos. Todo material inapropiado ou non vinculado co tema será descartado.
Establécense tres categorías: categoría A dende 8 ata 12 anos, categoría B entre 13 e 17 anos, e categoría C desde 18 anos. As fotografías que se presenten ao concurso deberán ser entregadas nas Oficinas Xerais do Concello de Barreiros, no CEIP de San Cosme de Barreiros ou no CEIP de San Miguel de Reinante. O prazo remata o 7 de marzo ás 13:00 horas, e permitirase un máximo de tres fotografías por participante.
As fotografías entregaranse en formato impreso e tamaño 10 x 15 cm (papel fotográfico), asinadas cun pseudónimo e en sobre pechado, acompañando outro sobre pechado (anexado ao principal) onde figurará o pseudónimo xunto co nome, idade, categoría e teléfono de contacto. No caso de presentar un mesmo autor varias fotografías, estas deberán ser entregadas de xeito individual.
As obras presentadas ao concurso son propiedade do seu autor e autorizará ao Concello de Barreiros para a súa difusión. Tras o fallo do xurado realizarase unha exposición de todos os traballos presentados.
As bases recollen que o autor é libre do seu uso unha vez emitido o fallo do concurso, comprometéndose a non divulgar ningunha das fotografías presentadas a concurso antes da resolución das premiadas. A divulgación previa implica a non participación no concurso.
O xurado estará composto por tres integrantes sensibilizados e vinculados coa temática do mesmo e co mundo da imaxe.
Haberá un primeiro e un segundo premio por cada categoría, e a resolución das fotografías premiadas está prevista para o xoves 8 de marzo, ás 19:00 horas, no Centro Social de San Cosme de Barreiros.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive