11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Ribadeo require aos propietarios de preto de 700 parcelas que cumpran coa lei de prevención de incendios forestais, e dalles de prazo ata o 1 de xuño para que procedan á limpeza dos terreos. De non ser así impoñeranse sancións ou procederase á execución subsidiaria

09-02-18

080218 Foto montes Ribadeo 2Ribadeo, 8 de febreiro de 2018. O Concello envía estes días preto de 700 notificacións a outros tantos propietarios de parcelas que a día de hoxe están a incumprir a lei de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta de Galicia. En outubro o Concello publicou un bando informando da obriga que teñen esas persoas de xestionar a biomasa forestal nunha franxa de 50 metros perimetral ao solo urbano, do núcleo rural e urbanizable, arredor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras, etc…, todo co obxectivo de evitar a propagación dos lumes que puideran producirse na época estival. Aqueles propietarios que a día 1 de xuño non cumpran coa lei poderán ser sancionados ou o Concello mesmo ordenará execucións subsidiarias.
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, mándalle hoxe unha carta ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na que lle pide colaboración para axudarlle a que esta lei da administración galega se cumpra. O rexedor considera que Ribadeo é o primeiro concello de Galicia en poñer en marcha estas medidas, e agarda que outros moitos se sumen.
O rexedor comentou que “visto o que pasou neste verán en todo o país, visto que afortunadamente Ribadeo quedou alleo a toda esa vaga de incendios, aínda que tivemos algún, pero é certo que non podemos encarar outro verán máis coa tensión coa que viviu moita xente aqueles días, incluso con mortes por mor dos incendios forestais”.
O alcalde ribadense dixo que “aquí todos temos obrigas, os propietarios do monte, os Concellos e tamén a Xunta de Galicia, pero o caso é que uns polos outros a casa sen barrer. Logo, cando chega o verán, chegan os laios e as culpas. Imos polo tanto traballar no inverno para que cando chegue o verán haxa infinitamente menos risco para as persoas e para as súas vivendas. Iso si, estamos poñendo nós todo o traballo, incluso máis do que nos correspondería como Concello, pero queremos tamén agora que a Xunta de Feijóo faga o propio, cumpra a súa lei de incendios, a lei 3/2007, e nos axude a cumprir a tarefa que ten encomendada a Xunta na lei de incendios, que é a de apoio aos Concellos para esta tarefa”.
Fernando Suárez lembrou que “desde que fixemos un bando en outubro do ano pasado temos constancia de que só un propietario fixo o que a lei marca que ten que facer, que é deixar unha faixa de protección de 50 metros das vivendas libre de vexetación pirófita, é dicir, de piñeiros, de eucaliptos, que é o que máis abunda aquí, de acacias, etc…, e tamén desbrozado. Identificamos case 700 parcelas que están incumprindo, en todo ou en parte a súa superficie, este retranqueo. Polo tanto imos enviar notificacións individuais aos titulares que nos constan no catastro para indicarlles o que marca a lei, que antes de xuño deste ano deberán ter todos eses eucaliptos, todos eses pinos, que están incumprindo a faixa de protección dos 50 metros, cortados, talados e desbrozados. De non ser así volveremos a reiterárllelo, darémoslles un prazo novo de quince días, e si se fai caso omiso da advertencia poderemos adoptar as sancións correspondentes, a través de multas coercitivas, ou das execucións subsidiarias para que a propia administración faga o traballo de corta. Para iso loxicamente temos que ter o apoio da Xunta de Galicia porque non queremos que haxa ningunha desgraza no verán que ven”.
O rexedor subliñou que “queremos que se cumpra a lei, sabemos que é mover unha pedra dun muíño moi grande pero isto mesmo fixémolo hai anos no casco vello de Ribadeo cando esmorecía, cando caía a cachos e cando era difícil que a xente puidera amañar as súas vivendas. Hoxe en día o casco vello de Ribadeo é diferente totalmente ao que era hai cinco ou seis anos. Queremos facer o mesmo nos montes de Ribadeo. Recoñecemos e respectamos a propiedade particular, pero os propietarios deben respectar tamén o que di a lei, e o que di é que nos 50 metros desde o núcleo rural ou no defecto deste, desde as paredes das vivendas, hai que manter unha faixa de protección de 50 metros sen este tipo de arborado”.
Suárez Barcia explicou que “dividimos esta actuación en tres partes. Por unha banda todas as cartas individualizadas que están sendo enviadas desde o día de hoxe a todos os propietarios, segundo os datos que constan no catastro. En segundo lugar poñeremos en todos os barrios e en todas as parroquias de Ribadeo, bandos informativos cos planos onde se ven todas as parcelas que están incumprindo a lei de incendios. Finalmente no día de hoxe sae unha carta para o presidente da Xunta de Galicia con todo este traballo que estamos a facer, e co requerimento e coa petición de colaboración que marca a propia lei autonómica de incendios. Esperemos que co traballo coordinado de todos, do Concello, da Xunta e dos propietarios, Ribadeo neste verán que ven poida estar moito mellor preparado para posibles incidencias e posibles desgrazas como foron os incendios forestais”.
O alcalde engadiu: “estráñame que a Xunta vaia incumprir a súa propia lei. En todo caso nós imos facer os deberes que lle corresponden ao Concello. Debemos de ser o único en toda Galicia. Espero que a partir disto sexan moitos máis os que sigan a estela do Concello de Ribadeo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive