23 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Goberno da Deputación fai posible que o Torque de Burela sexa de todos os lucenses

12-02-18

DEPUTACION-COLECCION ALVARO GIL2Lugo, 12 de febreiro de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e Carlos López Gil, representante dos herdeiros de Álvaro Gil Varela, asinaron este luns no Museo Provincial da Deputación, a adquisición por parte do Executivo Provincial do último lote de 4 pezas da colección de ourivaría castrexa do filántropo lucense. En virtude deste contrato, o Executivo provincial achegará este ano o pagamento de 350.296 euros, que lle permitirá adquirir o quinto e último lote, co que remata a adquisición completa desta colección.

“Esta colección, que foi declarada BIC no 2015, consta de 40 pezas de ourivaría castrexa (pre e protohistóricas). Actualmente se exhiben na sala 8 do Museo Provincial e está formada por torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de toda Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado”, subliñou o Presidente.

Campos Conde remarcou que “hoxe estamos diante dun fito histórico, os veciños da provincia están de noraboa porque a colección de ourivaría antiga da familia Álvaro Gil, pasa a ser propiedade de todos. Con isto, conseguimos que todo o conxunto desta colección, que xa custodia o Museo Provincial, sexa para o desfrute gratuíto e sen restricións de todos os cidadáns, ao tempo que poñemos en valor a riqueza patrimonial galega e os fondos dos nosos museos”.

O Presidente avanzou ademais que “o servizo de publicacións da Deputación xa está rematando un catálogo con toda a información e a historia sobre esta colección, que sairá a luz, previsiblemente nas vindeiras semanas”.

Agradecemento á familia Álvaro Gil
Campos Conde agradeceu a xenerosidade da familia Gil Varela que foi quen de ceder obras do seu valioso fondo para exhibir no Museo Provincial. “Si hoxe estamos aquí foi porque houbo un home, Álvaro Gil, que foi un gran mecenas deste Museo e que apostou dende sempre por contribuír a salvagardar e promover a historia e a cultura desta provincia. Froito desta xenerosidade, a familia do filántropo lucense cede parte da súa obra coa exposición Colección Gil Varela. Paixón pola arte, que se exhibirá dende o 22 deste mes, ata o 15 de abril. Con esta mostra, a familia Gil achega de forma gratuíta e temporal parte da súa destacada colección ao Museo Provincial, na que poderemos ver obra de pintores da historia da arte tan importantes como Murillo, Zuloaga, Sorolla, Ribera ou Rosales, entre outros artistas. Serán un total de 45 obras pictóricas e 6 esculturas”, sinalou o Presidente.

Torques, brazais, arracadas e pulseiras de toda Galicia
A colección de ourivaría antiga Álvaro Gil, que actualmente se exhibe na sala 8 do Museo Provincial, está formada por 40 pezas datadas entre o III Milenio A.C. ata a época romana, entre as que se atopan torques, brazais, arracadas e pulseiras procedentes de diversos Concellos lucenses, así como doutros lugares de Galicia. Inclúe, ademais, emblemáticas xoias como o Torque de Burela, o máis grande atopado en Galicia, e o Carneiro Alado, peza de valiosa execución artística e de incerta procedencia xeográfica.

Colección declarada BIC
O Goberno da Deputación alcanzou no ano 2014 un acordo cos herdeiros de Álvaro Gil Varela para adquirir a colección completa de ourivaría antiga, en cinco lotes anuais, por un importe de 2,3 millóns de euros. Esta colección, composta por 40 pezas, foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC), o que lle outorga a máxima protección patrimonial segundo a lexislación autonómica vixente.

• Lote 1, por valor de 6.000 euros, asinado no 2015, composto por 5 pezas: arracadas da Valiña, arracada de Burela, espiral de cabelo fragmentada, arame de ouro 1 e arame de ouro 2.

• Lote 2, por valor de 568.500 euros, asinado no 2015, composto por 10 pezas: gargantela de Monte dos Mouros I e gargantela de Monte dos Mouros II, pulseira de Monte dos Mouros, barriña dobrada, fragmento de torques con barriña decorada e remate, torques fragmentado con varilla e remate decorados, torques Áureo da Recadieira I, torques de Melide, fragmento de torques da Valiña 1 e fragmento de torques con remate piriforme 1.

• Lote 3, por valor 568.500 euros, asinado no 2016, composto por 6 pezas: torques áureo de Recadieira II, torques de prata da Recadieria, torques con retames en dobre escocia, torques de Viveiro, Carneiro Alado, fragmento de cravo de ouro.

• Lote 4, por valor de 583.000 euros, asinado no 2017, composto por 15 pezas: fragmento de torques da Valiña II, fragmento de torques con remate piriforme II, fragmento de torques con remate piriforme III, torques de Cu do Castro, torques do Castro de Viladonga I, fragmento de torques de Centroña, contas de colar de Chaos do Barbanza, brazal de Urdiñeira, pulseira de Urdiñeira, brazais de Muimenta, barriña de ouro, pulseira da Terra de Melide, pulseira de Ourense, torques de Riotorto e pulseira-torque.

• Lote 5, por valor de 584.100 euros, asinado este luns, composto por 4 pezas: torque de Burela, onza de Fernando VI, láminas áureas de Valiña, e barriña de ouro.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive