Burela 24-2-18. O Pescados Rubén Burela FS non puido recuperar a boa senda esta tarde en Vista Alegre. O Rivas Futsal asegurou os tres puntos con 1-2 a 7 segundos para a bucina final grazas ao porteiro xogador fronte a un conxunto mariñán demasiado lastrado pola falta de pegada.
Aínda que a primeira ocasión clara foi para Rivas con Fran Conde, ante un gran despexe de Edu cos pés, os da Mariña mostraron a súa superioridade na pista, con máis perigo sobre a rede de J. Fernández. Antes do ecuador da primeira parte intentárono Colacha, por partida dobre, e Luisma (minutos 8 e 9); tamén puxeron en apertos á defensa visitante Hélder, desde balón parado (minuto 11) e Pope (minuto 13) fronte a dúas hábiles reaccións do gardameta madrileño. Con todo foi o Rivas o que atopou vantaxe no marcador a falta de 3’18” para o descanso nunha transición que culminou Gaby, a pase de Pablo Ibarra. No último minuto Chus, dun potente disparo, e Héctor pegado á portería, desde balón parado de Renato, dispuxeron de ocasións de ouro para o empate, sen éxito.
O Pescados Rubén volveu á pista para seguir estrelándose contra a falta de definición. Renato protagonizou nos primeiros compases outras dúas brillantes; no 22 e o 23, sen conseguir rematar os pases de Pope e Hélder, respectivamente. Luisma salvou o segundo dos visitantes, no minuto 28, e o Burela FS non cesou no seu empeño de aliarse co gol. No 33, o mísil de Hélder e a recuperación burelista con Colacha nos últimos metros chocaron contra J. Fernández; tan só 1 minuto despois o meta de Rivas freou por partida dobre as embestidas de Víctor. E por fin os laranxas abriron a lata, con 5’13” por diante, cun disparo afastado de Chus. A falta de 43 segundos Rivas optou polo ataque de cinco e atopou o 2-1, con 7 para a bucina. Saíu Chus como porteiro-xogador, con tempo soamente para unha tentativa infrutuosa de Renato.
Ficha técnica
Pescados Rubén Burela FS: Edu, Hélder, Chus, Renato, Pope, cinco inicial; tamén xogaron Héctor, Víctor, Luisma, Colacha
Rivas Futsal: J. Fernández, Blecua, Samu, Mel, Fran Conde, cinco inicial; tamén xogaron Gaby, Santi, Chicho, Pablo Ibarra, Manu Diz
Goles: 0-1, minuto 17, Gaby; 1-1, minuto 35, Chus; 1-2, minuto 40, Chicho
Árbitros: De Juana González // Sánchez Llorente (Colexio Cántabro). Por Burela, amarela Renato (minuto 29). Por Rivas amarela a Chicho (minuto 6), J. Fernández.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 22 de Segunda LNFS, disputado no pavillón Vista Alegre de Burela ante unhas 800 persoas. Minuto de silencio inicial en recordo do ertzaina falecido esta semana en Bilbao