25 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Suárez Barcia asistiu á inauguración da nova subestación eléctrica, que está situada na parroquia de Piñeira. O Alcalde agarda que Ribadeo “acade a autonomía enerxética, que non tivo ata o de agora” e que rematen os continuos apagóns e microcortes que a localidade veu sufrindo nos últimos anos

13-02-18

Ribadeo, 13 de febreiro de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, asistiu esta mañá á inauguración da nova subestación eléctrica que Viesgo pon en marcha na parroquia ribadense de Piñeira. O rexedor agarda que Ribadeo “acade a autonomía enerxética, que non tivo ata o de agora”. Tamén espera que o polígono industrial quede blindado para que calquera empresa de gran consumo enerxético poida traballar con total normalidade.
O rexedor dixo que “por fin podemos inaugurar hoxe esta subestación eléctrica aquí, en Ribadeo, despois de hai xa varios anos que se asinou o convenio inicialmente co conselleiro de Industria do bipartito, Fernando Blanco, xunto cos representantes de Sepes, da empresa pública de solo que xestionou a construción do polígono, como tamén cos representantes de EON e Viesgo, naquel momento”.
Suárez Barcia sinalou que “por fin despois de todos estes anos vamos poder traballar con seguridade enerxética aquí, en Ribadeo. Despois de que tantas e tantas molestias teñan causado aos veciños, aos usuarios de sistemas eléctricos aquí, en Ribadeo, por ter un mal subministro de electricidade, por ter tantos apagóns, microcortes, etcétera”.
O alcalde agarda que “hoxe deamos carpetazo a todo isto, porque o subministro eléctrico é algo moi necesario que habitualmente non se ve pero só se bota de menos e se valora cando falta. E aquí, en Ribadeo, podemos dicir que temos cum laude en que nos falte o subministro eléctrico”.
E engadiu: “polo tanto esperamos que a partir de agora xa haxa estabilidade no subministro e que Ribadeo acade unha autonomía enerxética que non tivo ata agora. E non só para el, senón que agora Ribadeo tamén subministrará a unha parte importante do concello de Barreiros. E ao mesmo tempo o polígono industrial de Ribadeo queda preparado, queda blindado para calquera iniciativa industrial, empresarial que requira do consumo de grandes cantidades de enerxía eléctrica”.
Para Fernando Suárez “hoxe é un moi bo día para Ribadeo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive