11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación inviste outros 6,2 millóns en infraestruturas, benestar e no impulso do rural

03-03-18

Rolda prensa xunta goberno (19)Lugo, 2 de marzo de 2018. O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou que o Executivo Provincial aprobou este venres na Xunta de Goberno un novo investimento 6,2 millóns de euros en infraestruturas, benestar e no impulso do rural, “respondendo ás necesidades dos novos veciños e tentando mellorar a súa calidade de vida dende unha Deputación coas persoas, social e rural, que atende aos máis de 300.000 lucenses dos 67 Concellos”.

Campos Conde explicou que dos 6,2 millóns de euros invístense 4 millóns de euros na mellora de infraestruturas, pois son 2,9 millóns á mellora de 35 quilómetros de 15 estradas que discorren por Becerreá, A Pontenova, Paradela, Láncara, Bóveda; Palas de Rei, As Nogais e O Saviñao; 1 millón de euros para os traballos de roza da vías de toda a rede viaria provincia, a máis extensa de España ao superar os 4.200 quilómetros que atravesan os 67 municipios; e 174.000 euros para a adquisición da sal de mina, que se aplica en estradas provinciais e municipais debido á neve ou xeo.

Listaxe das 15 estradas onde se melloran 35 quilómetros con 2,9 millóns: en Becerreá, acondicionamento de 4,4 quilómetros da LU-P-0704 de Cereixal, por Penamaior, á Escola de Montaña; na Pontenova, acondicionamento de 6,6 quilómetros da LU-P-1904 de Fonsagrada á Pontenova, LU-P-4805 de Boulloso, por Dodrín, a Figueirúa e LU-P-4808 da Pontenova, por Vilaouruz á N640; en Paradela, acondicionamento da LU-P-4206 do Loio a San Facundo; en Láncara, acondicionamento de 2,7 quilómetros da LU-P-2703 da Pobra San Xiao a Carracedo; en Bóveda, acondicionamento de 2,6 quilómetros da LU-P-0907 de Teilán ao límite Provincial e LU-P-0905 de Bóveda por Martín á LU-P-5804; en Palas de Rei, acondicionamento de 5,1 quilómetros da LU-P-4005 de Ferradal Novo á Igrexa de Vilar de Donas, LU-P-4006 de Palas de Rei a Quindimil e LU-P-4008 de Leilón por Pambre a Batán; nas Nogais, acondicionamento de 4,6 quilómetros da LU-P-0709 dende a Horta a Viladicente e LU-P-3702 das Nogais por Nullán a Lamas; no Saviñao, acondicionamento de 9,9 quilómetros da LU-P-5804 de Rebordondiego por Aiaz a Morgade e da LU-P-5807 de Lamaquebrada a Montecelo.

Benestar: residencia na Pobra do Brollón
No ámbito do benestar, o Presidente explicou que na sesión se aprobou o convenio de colaboración entre a Deputación e o Concello da Pobra do Brollón para a construción dunha residencia de maiores nestes municipio. O Goberno Provincial aprobou achegar á construción desta dotación social 1,2 millóns de euros. O municipio colaborará no financiamento das obras con outros 200.000 euros.

Impulso do rural: Granxa Experimental de Leite
En impulso do rural, o Goberno da Deputación adxudicou os traballos de construción da Granxa Experimental do Campus Terra con case 930.000 euros coa previsión de iniciar estes traballos no mes de abril. Situarase nun nova nave, que se vai a construír, nunha finca de 15.500 metros cadrados da Granxa Gayoso Castro, que actualmente está sen uso e a carón de máis terreos para as cabezas de gando. Trátase dun centro de primeiro nivel que estará en funcionamento no curso académico 2018-2019. Terá capacidade para 70 vacas produtoras de vacún de leite, contará cun robot de muxido, cun centro de recepción de visitas onde se incluirá unha aula de actividades docentes, de formación e de divulgación, así como un laboratorio para actividades investigadoras. Tamén se habilitará unha nave que acolla a alimentación do gando, silos con capacidades para almacenar as necesidades da explotación ou un espazo totalmente pechado no que se gardará a maquinaria. A Granxa Experimental do Campus Terra terá como obxectivos avanzar na redución dos custos de produción do leite, así como na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías a este proceso. Con isto “pretendemos combater uns dos principais problemas que sofre o sector lácteo: os baixos prezos do leite e a falta de man de obra e de calidade de vida dos seus profesionais. Ademais, buscamos conseguir que a Facultade de Veterinaria manteña o seu recoñecemento internacional”, destacou Campos.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive