25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias: “As nosas fillas”

08-03-18

As nosas fillas seguirán a falar a propósito da igualdade e da xustiza, ambos conceptos filosóficos. Tamén, seguro, da liberdade.
A liberdade para decidir sobre elas mesmas e sobre aquelo que lles pertence.
Seguirán vixentes os vellos postulados: a liberdade soamente se pode realizar cando para todos valen as mesmas regras, a partir das que cada un actúa e decide.
Por iso mesmo, visto do dereito ou do revés, de costas ou de fronte, en perspectiva aérea, cónica ou panorámica será xusto tratar igual ás persoas que son iguais e imprescindible dar un tratamento diferenciado ás nosas fillas.
E isto porque as súas nais percibiron pensións que eran 450 € de media inferiores ás dos seus homólogos masculinos, porque os seus salarios diferenciáronse nun 24% con respecto a estes e porque asumiron todas as tarefas de coidado doméstico, familiar e dependencia.
Haberá que explicarlle ás nosas fillas que a economía tamén discriminou ás súas proxenitoras: que o traballo non remunerado non só pode ser unha forma de escravitude senón que, no mellor dos casos, é un desprezo, a ausencia dun recoñecemento mínimo de esforzo.
¿Imaxinan o custe de oportunidade que supón criar nenos, coidar durante anos anciáns dependentes, adicarlle un tempo de catro horas e media ás tarefas relacionadas co fogar?
Igualmente teremos obriga de facer pedagoxía con respecto á liberdade, dicirlles que as súas nais foron avaliadas constantemente polo seu físico, pola súa indumentaria, desprezadas polas súas ideas cando non eran de sometemento e reprimidas na súa condición sexual.
Sangue, suor e lágrimas para recoñecer un marco xurídico no que se fixera un recoñecemento expreso a todas estas circunstancias: a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en decembro de 1979 a Convención sobre a eliminación de calquera forma de discriminación sobre a muller que foi ratificada por España no ano 1983.
O 22 de marzo de 2007 entrou en vigor a lei orgánica para a igualdade efectiva entre homes e mulleres coa fin de combater todas as manifestacións aínda vixentes de discriminación por razón de sexo e a promover a igualdade real entre homes e mulleres.
A vella historia segue a repetirse, as leis que mudan sen unha verdadeira transformación social tras de si son só cargos de conciencia, propósitos de enmenda irresolutos.
Por iso haberá que inculcarlle ás nosas fillas que só existe un único xeito de aprender a liberdade ou a igualdade: exercéndoa.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive