23 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“FOLGA”

09-03-18

Podédesme crer que a folga non lle gusta a ninguén, sei ben do que falo. Ós empresarios e empresarias, por suposto non lles gusta, e aseguro que tampouco lles gusta ós traballadores e traballadoras. A folga é a expresión máis clara da actuación final en defensa da dignidade, neste caso laboral. É o mecanismo final que, fai ás veces, de válvula que regula a presión. Tamén para a parte empresarial é o termómetro que marca as saúde do seu proxecto, na relación coa xente, e moitas das veces serve para que o empregador se decate de prácticas que non aproba e non comparte por parte dos mandos nas empresas. As asembleas que toman a decisión de ir a folga nunca son unha festa, nunca se ven caras de felicidade. É unha decisión difícil que tomar que colle folgos na necesaria defensa da dignidade como persoa dos que a toman. Incerteza, inquedanza e preocupación, pero fachenda de facer o xusto e o que se respira no aire.
Por iso esta folga do 8M foi para min importante acertada e sobre todo necesaria, todas e cada unha das reivindicacións que a sustentan teñen que ver, xa non coa liberdade nin coa igualdade, que tamén, senón que no fondo, na esencia mesma, está a dignidade como persoas. Por iso as persoas de ben, as persoas sensibles e con capacidade de empatía, estivemos presentes onde tíñamos que estar, defendendendo a dignidade que ten que ser igual para todas e todos.

No 8M non collen escusas e posicións políticas sobre ideoloxía, non se pode permitir poñer na mesma parte da balanza a defensa do capitalismo e o dereito das mulleres de ter unha vida digna e plena en igualdade. Mal imos se a posición política de cada quen está por riba dos dereitos das persoas e a súa defensa, o capitalismo non é tan importante, Arrimadas, como tampouco o deben ser o comunismo, o socialismo ou calquera postura. O importante teñen que ser a persoas. Compre refrescar a estes políticos de PP e C´s o “pacto internacional dos dereitos económicos, sociais e culturais de 1966” que contén palabras como: dereito, condicións equitativas, igualdade salarial, persoas, remuneración digna … cuxa única ferramenta de defensa senón se cumpre é a folga, percátense, diante da inacción dos políticos.

Está folga foi alegre, foi forte e foi exemplar, para min un golpe de dignidade e de esperanza. O que non queira decatarse está perdido. Forza ás mulleres, exemplo de dignidade.

Piñeiro Docampo
Sº Xeral de CxG.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive