23 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Manifesto concentración Hospital da Costa convocada pola CIG o 8 de marzo

08-03-18

Burela 8-3-18. Bo día compañeiras! Hoxe estamos a participar nunha xornada histórica, revolucionaria, que vai marcar un antes e un despois nas nosas vidas.

Este 8 de marzo, as mulleres situamos Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres.
Miles de galegas abandonamos as fábricas, as tendas, as oficinas, os hospitais, os centros de ensino, a administración, as instalacións deportivas, os centros de ocio, as aulas, os nosos fogares, demostrando que se nós paramos, o mundo para.

Fixémolo sen distinción. Sen ter en conta o sector no que traballamos, tanto as que temos empregos remunerados como as que traballamos no noso fogar ou no doutras persoas, as asalariadas por conta allea ou por conta propia, as desempregadas, as mozas, as xubiladas, as que vivimos en aldeas, pobos ou nas cidades. Todas estamos chamadas á folga.

Hoxe deixamos por unhas horas o que estabamos a facer, identificando así o espazo baleiro que deixamos, e denunciando ao tempo o importante valor social que desempeñamos nas esferas produtiva e reprodutiva, en demasiados casos invisibilizado, oculto, e non retribuído.

Foron moitos meses organizando a folga, levando a convocatoria do Paro Internacional de Mulleres á meirande parte dos centros de traballo da Galiza, explicando as razóns polas cales chamábamos ás mulleres a que secundasen o paro en cada quenda de traballo, convencidas de que deste xeito facilitabamos que todas as mulleres, con independencia da súa situación laboral, puideran abandonar os seus postos de traballo nun momento dado da xornada, que saíran xuntas ás portas dos centros de traballo, garantindo tamén que puideran participar activamente nas mobilizacións, con outras compañeiras, familiares e amigas, berrando polos nosos dereitos, contra a inxustiza que supón discriminar á máis da metade da humanidade polo mero feito de sermos mulleres, pola aplicación de políticas inxustas, do patriarcado arraigado nas institucións e no empresariado, por mor do sistema capitalista que nos oprime.

Culminando así o esforzo de moitos meses nunha convocatoria que mesmo antes de producirse a xornada de folga xa puidemos definila como exitosa, xa que fomos quen poñer no centro do debate social a problemática que ás veces parece oculta no resto dos días do ano, conseguindo que mesmo aquelas mulleres que non identificaban como propias as desigualdades, sexan agora quen de facelo.

Fomos quen de cuestionar entre os propios homes os comportamentos que dan orixe ás discriminacións, ao acoso, á violencia, a identificar as consecuencias que para as traballadoras teñen as medidas postas en marcha polos gobernos e pola patronal, de desenmascarar a hipocrisía de moitas empresas, de facer que o PP amosase a súa verdadeira faciana conservadora, criticando a folga, negando as discriminacións, e ao tempo conquerimos poñer o foco de atención na necesidade de que os coidados deban ter outro valor social, e a visibilizar o importante papel que desempeñamos as mulleres na sociedade mais que soe pasar totalmente desapercibido.

O 8 de marzo Galiza enteira treme. As rúas están enchidas de mulleres bravas e combativas. Moitas de nós coa mente posta nas antergas, nas revoltas de Oseira a Nebra, de Narón a Sofán e Sobredo, nos motíns de subsistencia e os tumultos convocados o século pasado na Galiza por mulleres contra a suba de prezos nos alimentos e produtos básicos, nas labregas enfrontadas aos caciques e á garda civil, neses mitins e manifestacións de mulleres das clases populares do país que
percorreron as rúas galegas, tantas veces esquecidas, neste país colonizado, e que deben ser todo un referente de autoorganización e de loita polos nosos dereitos.

Lembrando as denuncias de Rosalía de Castro, plenamente vixentes na actualidade, cando falaba do sexismo, da cousificación das mulleres, do individualismo egoísta, da dependencia da Galiza a respeito do Estado, da súa crítica profunda da burguesía como clase social ascendente e do seu arsenal de novas imposicións e dogmas, hoxe asentada en demasiadas instancias de poder, culpábeis en moitos casos, das discriminacións e da precariedade que sufrimos as mulleres da clase traballadora.

Porque non esquezamos que o mercado laboral galego segue a ofrecer un trato privilexiado aos homes, que os empregos máis precarios e con salarios máis baixos correspóndenlles ás mulleres, que o acceso de mulleres a postos de alta responsabilidade segue a ser minoritario, e a meirande parte dos contratos a tempo parcial subscríbense con mulleres.

Que a pesares de toda a lexislación existente, a discriminación salarial que padecemos as mulleres é unha realidade xeneralizada en todas as ramas de actividade. Porque nos sectores feminizados, os salarios son máis baixos que aqueles nos que os homes teñen unha presenza maioritaria.

O 8 de marzo saímos á rúa por todas aquelas mulleres que non atopan traballo a xornada completa, e teñen que vivir cos salarios de xornadas parciais, con contratos temporais, que chegan a durar menos dunha semana, o cal amosa o nivel de inestabilidade e precariedade das contratacións.

Porque se nos impide conciliar, porque vivimos co medo a ser despedidas cando nos convertemos en nais. Porque somos as que solicitamos excedencias durante anos para coidar de crianzas ou familiares dependentes. E porque sufrimos de xeito maioritario os efectos dos recortes en servizos públicos e na dotación de cadros de persoal que dificultan a atención aos servizos esenciais.

Polas 98.300 galegas en situación de desemprego, case a metade das cales levan máis de dous anos nesa situación, e por tanto sen prestacións de ningún tipo que lles permitan vivir.

Porque as xubiladas teñen pensións máis cativas ca os homes, e moitas nin tan sequera teñen acceso á contía mínima.

Polas mozas que emigran de Galiza para evitar o desemprego ou non ter que incorporarse a traballos non cualificados, mal pagados e temporais que lles ofrecen.

Porque sufrimos acoso na rúa, na nosa casa, no lugar de traballo, porque nos agriden, porque nos violan e nos asasinan polo feito de sermos mulleres.

Facemos folga porque para nós as mulleres do mercado formal e informal e da esfera non pagada da reprodución social somos todas traballadoras, porque os traballos de coidados deben estar no centro das políticas.

E en definitiva, porque estamos fartas de conmemoracións hipócritas de quen nos felicita un 8 de marzo, de quen pon en marcha campañas ou aproba protocolos, plans de igualdade, compromisos ou declaracións de intencións baleiras de contido, e ao mesmo tempo ataca frontalmente os nosos dereitos.

O 8 de marzo de 2018 demostramos a capacidade e mobilización das galegas. Paramos para lembrar que somos a metade do país, e que a metade nos pertence. Paramos para esixir xustiza. Isto acaba de comezar. O futuro é noso. Viva a loita das mulleres! Viva a clase traballadora galega!

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive