21 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Manifesto das mulleres do PSOE de Foz pola folga do 8 de Marzo

06-03-18

Foz 07-03-2018.- As mulleres socialistas de Foz apoiamos e participamos na Folga Feminista do 8 de marzo. Unha folga xustifícase ante a inxustiza e a desigualdade. Desigualdades e inxustizas que as mulleres vimos sufrindo desde tempos inmemoriais, desde discriminacións salariais a precariedade laboral ou falta de conciliación, acosos, intimidacións, ata a máis cruel das consecuencias, os malos tratos e a violencia de xénero. Acadar unha sociedade igualitaria e libre de machismo é o noso obxectivo e una das nosas señas de identidade como socialistas.
A Folga Feminista deste xoves 8 é unha folga de coidados, de consumo e laboral e convidamos a sumarse a ela a todas as mulleres, ata onde cada unha poida segundo as súas circunstancias. Tanto se deciden facer folga parcial como total, coma si se da a circunstancia de non poidan secundala, convidámolas a que difundan e conciencien a outros da realidade que sufrimos tantas mulleres, da discriminación salarial en período laboral que logo supón que as pensións femininas ao chegar á idade de xubilación sexan tamén máis baixas ou que nun mundo no que o traballo é cada vez máis precario, as mulleres suframos a precariedade dentro do precario. Cando a realidade é que sen nós o mundo pararíase.
Non vamos a dar cifras destas desigualdades, escandalosas e de sobra coñecidas, por que consideramos que non se trata de números, trátase de vidas, as vidas das nosas avoas, nais, fillas, amigas, veciñas, descoñecidas e ningunha de nós merece ter menos dereitos que calquera home.
Non haberá unha sociedade verdadeiramente democrática ata que non se eliminen os comportamentos e as actitudes machistas, as inxustizas e as desigualdades que atentan contra máis da metade da poboación, nin poderá haber progreso social se non se recoñece o talento e a capacidade das mulleres en todos os ámbitos da sociedade e a súa contribución ao desenvolvemento económico e social.
A Folga Feminista do 8 de marzo busca a unidade de todas as mulleres que loitamos para ter autonomía sobre as nosas vidas e os nosos corpos. Convén lembrar que en España ata hai pouco máis de cinco décadas, as nosas nais, as nosas avoas, tiñan que pedir permiso aos seus maridos ou pais para algo tan básico como abrir unha conta corrente nun banco, obter o pasaporte ou o carné de conducir. Isto e cousas peores, como a explotación sexual ou ser consideradas como seres sen dereitos diante do home, lamentablemente, continúan ocorrendo en moitas partes do mundo.
Esta folga ten que supoñer un punto de inflexión contra as desigualdades, contra as violencias machistas, contra a brecha salarial, contra a discriminación, contra explotación laboral ou sexual que sofren millóns de mulleres.
É unha esixencia de xustiza social, unha esixencia para que se activen políticas efectivas de corresponsabilidade, para que se eliminen as diferentes situacións de discriminación que temos no acceso ao mercado laboral, para que se esixan e existan plans de igualdade nas empresas, para que non sexamos as maiores damnificadas pola precariedade e temporalidade no emprego.
Esta folga tamén é para esixir para que se visibilice e se recoñeza o traballo doméstico e de coidados que recae, case sempre en nós, nas mulleres. Unha contribución que sendo imprescindible non está valorada nin considerada, senón esquecida e invisibilizada xa que ao non estar pagada non é percibida como traballo, cando o certo é, que sería incalculable o diñeiro que aforramos ao Estado cando nós, por sistema e a diario, somos coidadoras gratuítas de maiores, enfermos, discapacitados.
É tamén esixir, como urxencia nacional, que se dote de recursos o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, para tentar erradicar ese continuo goteo de asasinatos machistas que día tras día nos golpea como sociedade.
As socialistas de Foz, sabemos que moitos dos nosos compañeiros e moitos homes son sensibles á situación de privilexio que ostentan e están connosco na reivindicación dos nosos dereitos, polo que esperamos deles a cooperación necesaria para que podamos exercer o noso dereito a folga, á vez que lles pedimos que reflexionen sobre que poden facer, individual e colectivamente, para reverter estas situacións tan inxustas para as mulleres e que exista un cambio real máis aló do 8 de marzo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive