21 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Medidas adoptadas no paseo de Covas

13-03-18

Viveiro 13-3-18. Os temporais e mareas vivas das pasadas semanas provocaron un empeoramento na praia e no paseo marítimo de Covas, quedando a base do muro do paseo ao descuberto e incrementándose as escorrentías existentes. Tendo en conta esta situación e aínda que se está á espera do estudo que Costas vai presentar ante Portos de Galicia, entendendo a preocupación dos veciños, sobre todos daqueles que teñen as súas vivendas en primeira liña de praia, que veñen manifestando cómo o impacto do mar se fai perceptible dentro das propias vivendas, o concello decidiu encargar a realización de catro catas para comprobar o estado do subsolo do paseo marítimo.

Esas catas realizáronse a pasada semana, constantando a existencia dun oco nun dos catro puntos analizados; este presenta unhas dimensións aproximadas de 5 x 3 metros. Despois de que os técnicos municipais valorasen a situación, este concello tomou a decisión de actuar nese punto para intentar solventar o problema á maior brevidade posible; para isto, vaise levantar unha parte do paseo, nunha extensión aproximada de 15 metros de longo e 3 metros de ancho, para proceder ao recheo da cavidade existente con pedras de grandes dimensións e formigón, entendendo que esta actuación serviría para deter o deterioro do subsolo nese punto do paseo pola acción do mar. Aínda que o oco detectado ten uns 5 metros de lonxitude, o concello decidiu actuar nunha extensión de 15 metros, unha distancia moi superior á cavidade existente. Esta vai ser a primeira fase dos traballos de reforzo do muro do paseo marítimo, que servirá para garantir a seguridade tanto do paseo como das vivendas nese tramo; a idea deste concello é valorar os resultados desta actuación, considerando que o bo sería darlle o mesmo tratamento a todo o tramo do paseo no que o mar está traballando, á fronte das casas.

No día de onte, esta Alcaldía mantivo unha reunión coa asociación de veciños de Covas, na que se lles explicou o resultados destas catas e dos traballos que o concello decidiu asumir, levando a cabo os traballos antes descritos, para evitar que esta situación se demore no tempo.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive