23 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Medio Rural achega 138.000 euros a once propietarios de montes da Mariña para actuacións preventivas dos incendios forestais

13-03-18

Lugo, 13 de marzo de 2018.- A Consellería do Medio Rural achegou 138.536 euros a once propietarios de montes da Mariña, tanto persoas físicas como comunidades, para a realización de tratamentos silvícolas e outros labores co obxectivo de previr os danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes, e de incrementar a capacidade de adaptación e o valor ambiental dos ecosistemas forestais.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou que a Xunta subvencionou accións de roza, poda e tratamento dos restos e, no caso das comunidades de montes, ademais do control selectivo do combustible tamén se financiou a construción de puntos de auga. No conxunto da provincia alcanzan un investimento de 2,8 millóns de euros e rexístranse 200 beneficiarios.

As achegas responden a dúas liñas de subvencións, unha delas especificamente dirixida aos montes veciñais e Sociedades de Fomento Forestal (Sofor) e a outra aberta a calquera persoa propietaria, física ou xurídica. Na Mariña, seis das solicitudes proceden de montes comunais e o resto de particulares.

Ao respecto, Balseiro lembrou que a Consellería do Medio Rural dálles aos montes veciñais en man común carácter preferente nas súas actuacións de fomento e mellora da produción agraria, e destacou que estes “poden xogar un papel importante no obxectivo, que nos compete a todos, de manter a masa forestal nas mellores condicións posibles para evitar os incendios ou minimizar os seus efectos”.

No caso da Mariña, recibiron as axudas seis comunidades de montes e cinco particulares. As comunidades beneficiarias foron a dos montes Lombo Gordo, Chao de Lagorzas, Cruces e Cabaleiro de Cervo; a comunidade dos montes de Xestaca e Grandavella e a comunidade de Vilacampa no Valadouro; a dos montes de Padrón, Seixo e Peón no Vicedo; a de Buio en Viveiro, e a dos montes de Estelo e Tronceda en Mondoñedo.

O delegado afirmou que estas achegas son complementarias aos convenios que a consellería ten subscritos sobre máis de 200 montes da provincia que son de titularidade privada. Así, os propietarios non poden utilizar estas achegas para executar traballos sobre a superficie que teñen consorciada coa Administración, pero si sobre outras áreas da súa propiedade.

Neste sentido, Balseiro sinalou que a Xunta executa actualmente proxectos forestais en montes consorciados en 37 concellos da provincia, que supoñen un investimento de preto de 3 millóns de euros.

O delegado asegurou que a Xunta procura a valorización do monte galego “para que sexa un activo de importancia para os seus propietarios, produtor de rendas e servizos, ao tempo que mellora a estrutura forestal de Galicia e consolida a nosa paisaxe, fauna e flora”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive