13 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Mondoñedo acusa ao goberno municipal de actuar de inmobiliaria para unha empresa privada

07-03-18

Mondoñedo, 07 de marzo do 2018. Ante as informacións publicadas en diversos medios de comunicación nas que o goberno municipal anuncia a sinatura dun protocolo de colaboración coa mercantil Hipólito S.L no que o concello acepta a cesión de terreos situados en San Lázaro para urbanizalos e logo alugar a terceiros as catro naves construídas na parcela, o BNG acusa ao goberno municipal de Elena Candia de actuar como unha inmobiliaria para favorecer intereses particulares dunha empresa privada.

Os nacionalistas entenden que a finalidade de adecentar a entrada por onde pasa o Camiño Norte e impulsar actividades económicas na localidade non é desculpa suficiente para xustificar o interese público da aceptación de cesión dos terreos.
Segundo o portavoz nacionalista, Eloi Cabanas, “quen debe urbanizar estes terreos privados e manter a parcela en boas condicións por razóns de seguridade, salubridade e ornato público é o propietario do inmoble e non o concello.”

-Solicitude de información para saber os termos do protocolo asinado-
Eloi Cabanas anuncia que o seu grupo xa rexistrou unha instancia no concello na que solicita que se lles entregue unha copia do protocolo asinado entre as partes para estudar máis polo miúdo os termos da cesión, “o comunicado da sinatura do protocolo ofrece unha serie de dúbidas que queremos estudar xuridicamente”.

– O protocolo altera o acordo plenario de xaneiro do 2018-
O BNG xa se opuxo no pleno celebrado o pasado mes de xaneiro á cesión gratuíta dunha parte destes terreos para a execución de obras de urbanización a cargo do Plan Único polas mesmas razóns ás que agora se opón a este protocolo.
“A falta dun informe técnico que nos contradiga, nós entendemos que tendo en conta a Lei do Solo de Galicia, o que debe urbanizar os terreos é o propietario do inmoble e non o concello de Mondoñedo”.
Cabanas apunta que no pleno celebrado o pasado mes de xaneiro o goberno municipal aprobou en solitario a aceptación de cesión gratuíta dunha parte destes terreos para urbanizar unha superficie de 727 metros cadrados e adicalos a viario público e agora con este protocolo anúnciase a urbanización de 1977 metros cadrados máis.
“Semella que con estas formas de actuar o concello traballa para Hipólito S.L, así que non vamos estar de acordo en que se invista diñeiro público en intereses privados da empresa”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive