11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello editou 1.200 exemplares do roteiro pola historia de Ribadeo. Trátase dun paseo polos 33 lugares nos que se colocaron as placas de Sargadelos con reseñas históricas da vila

10-03-18

Ribadeo, 10 de marzo de 2018. No salón de plenos do Concello presentáronse esta mañá os folletos turísticos denominados Roteiro pola historia de Ribadeo, e nos que se recollen os debuxos e textos das máis de 30 placas de Sargadelos colocadas en rúas, prazas e lugares de Ribadeo. Están editados en catro idiomas: inglés, francés, español e galego e estarán á venda na Oficina de Turismo ao prezo de 1,50 euros. A primeira tirada é de 1.200 exemplares. No acto participaron o cronista oficial de Ribadeo, Eduardo Gutiérrez, o arquitecto municipal Carlos Longarela, o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, e o alcalde, Fernando Suárez.
O rexedor dixo que “isto é algo moi importante para reafirmarnos como un pobo que leva aquí moitos séculos, que ten moita historia e que moitas veces o tempo vai pasando e as xeracións que van vindo non saben nada do que outras deixaron atrás. Para iso quixemos abusar da experiencia, da historiografía e da sabedoría do cronista oficial, Eduardo Gutiérrez, para pedirlle que o seu coñecemento fose botando luz enriba de pasaxes históricos en diferentes rúas e espazos da vila. Para iso tamén nos apoiamos en Carlos Longarela, arquitecto que nos ratos libres, porque no ámbito do día a día tempo pouco tempo, pero fóra de horas foi facendo os debuxos, moitas veces con orientación do propio cronista oficial. E todo iso metémolo nunha máquina moi potente e moi bonita, que é Sargadelos, onde lle deron o deseño final, e o resultado das placas está aí para ver desde hai un par de meses, penso que con moi boa acollida”.
Suárez Barcia sinalou que “aparte diso, que é o que máis perpetuamente vai quedar nos espazos públicos, quixemos tamén difundir esta mensaxe en varias linguas, porque sabemos que Ribadeo cada día é máis turístico, cada vez ven máis xente de fóra que se interesa e gústalle isto que está vendo polas rúas e queremos que teña a oportunidade indo á oficina de turismo e mercando un libriño no que figuran todas estas placas cos debuxos, cos textos e nalgúns casos cunha explicación máis grande. Quixémolo facer en francés, en inglés, en castelán e en galego”.
O alcalde explicou que “fixemos unha primeira edición de 300 folletos en cada idioma e estamos convencidos de que dentro de pouco teremos que facer novas edicións. Desde mañá mesmo están a disposición de calquera que se achegue á oficina de turismo de Ribadeo ao prezo de 1,50 euros, polo que realmente non lle gañamos nada, pero o que pretendemos é difundir a historia local”.
O cronista oficial, Eduardo Gutiérrez indicou que “na publicación que se presenta hoxe, cun pequeno engadido sobre a que recollen as placas, destácanse trinta e tres lugares vencellados á historia de Ribadeo en diferentes épocas: a medieval, onde se pode seguir o itinerario da muralla reparando na indicación das portas e dos restos que quedan; tamén se sinala a ubicación da Colexiata, onde antes estivo a igrexa parroquial. Sublíñanse igualmente edificios vencellados á aboenza liberal da vila, á súa tradición comercial, cunha clase acomodada e culta, que ergueu a Escola de Náutica, o Teatro e o Círculo de Recreo, as casas armadoras e de banca, que naceron do porto entendido como lugar estratexicamente situado, como fondeadeiro e abeiro, porque non acadou unhas instalacións portuarias que merecesen tal nome. Con todo, da súa importancia dá proba o Forte de San Damián, do século XVIII. E xa no XIX o cargadoiro de mineral de ferro, ao tempo que abrollaban obras e dotacións da man dos indianos enriquecidos en América: a Praza de Abastos, o Cemiterio, a torre dos irmáns Moreno, etc. Tamén se lembran singularidades como os lavadoiros, tal o sonado Pipelo, que durou perto de catrocentos anos”.
Na súa intervención Gutiérrez manifestou que “mais dese pouso ilustrado e liberal do século XIX destacan a Sociedade Filantrópico-Dramática de 1835, que ergueu o Teatro, a Sociedade de Fomento que promoveu a Escola de Nautica e o sucesivo Colexio de San Luis. Aparte disto cómpre destacar o escintilante Círculo de Recreo, fundado en 1851. Xa noutra ocasión sinalamos como clarificadora a anécdota que recolle un cronista local, segundo a cal cando en 1858 a raíña Isabel II visitou Lugo, as autoridades provinciais solicitaron en depósito do Círculo os mobles para decorar as estancias onde se aloxaría a raíña, que era nada menos que o Pazo Episcopal”.
O cronista oficial rematou salientando: “a boa acollida que tivo a instalación das placas que conforman o roteiro pola historia de Ribadeo, son unha incitación e un estímulo a prol dun Museo, que trasladamos á Alcaldía para o seu estudo e consideración, coa petición de que acolla a idea co mesmo interese e dedicación que puxo na confección das placas. O concepto de Museo ao uso cambiou efectivamente e hai cidades que inclúen nel rutas deste tipo, aparte de varias sedes. Certo que aquí comezamos co último, que xulgamos unha boa medida para avaliar a opinión pública, cuxa colaboración se requeriría tanto no acopio de materiais, como noutros aspectos, co obxecto de facer o proxecto viable. Estimado señor Alcalde: isto é unha celada, que rogamos disimule acolléndonos á existencia delas na muralla, con outros fins, pero igualmente solapados. Aínda que, ben mirado, isto ten pouco de trapela, no sentido literal de encerro. É apenas unha suxestión. E, desde logo, cordial”.
E o concelleiro de Cultura, Farruco Graña, dixo que “ter a ocasión de ter nas nosas mans estas breves reseñas históricas é sempre unha boa nova porque dan pulo á nosa actividade cotián. Non se trata de mirar para atrás con ton fachendoso, senón de facelo para sentírmonos orgullosos do que fomos e do que podemos seguir sendo, pero para trazar ben o camiño é indispensable coñecer de onde vimos. Trátase de poñer en valor, pero non só pensando na xente que vén de fóra, que está moi ben que veña, senón en nós mesmos; todos os cidadáns e as cidadás de Ribadeo é bo que saiban da súa historia, os que acabamos recalando nestas terras é bo que establezamos ese vínculo co que foi Ribadeo para facelo noso e proxectar cara o futuro todas as nosas ideas e os nosos proxectos. E nese sentido é fundamental que de cando en vez nos paremos e poñamos negro sobre branco, neste caso habería que dicir ton azul, que é o propio de Sargadelos, sobre branco, eses fitos históricos dunha vila centenaria como é Ribadeo”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive