11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello presenta mañá o terceiro panel da exposición ‘A Historia de Mondoñedo leva nome de muller’

07-03-18

Mondoñedo, 7 de marzo de 2018.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participa mañá xoves, ás 13:00 horas, na presentación na Casa do Concello do terceiro panel ‘A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”.

Dende o Goberno local explican que, seguindo o labor iniciado o ano pasado para poñer en valor a aquelas mulleres mindonienses que dunha maneira ou outra fixeron, fan ou farán historia, este ano presentarase o novo panel que formará parte da exposición permanente “A Historia de Mondoñedo leva nome de muller”.

A este respecto, engaden que durante este mes de marzo os paneis estarán expostos na entrada da Casa de Concello. A partir de abril poderán verse na sala de reunións de Servizos Sociais e CIM.

A maiores e con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello de Mondoñedo, a través do Centro de Información ás Mulleres e do departamento de Servizos Sociais, ten programados outros actos ao longo do mes.
Homenaxe a Elisa Lamas
En concreto, o xoves 15 de marzo celebrase un acto de homenaxe a Elisa Lamas, ás 12:00 horas, no Salón de Plenos da Casa do Concello. Elisa Lamas (pseudónimo de Elisa Maseda de Arango) foi unha escritora orixinaria de Mondoñedo pioneira do feminismo en España. Por tal motivo “quérese renderlle unha homenaxe que a súa vez sirva para a divulgación da súa persoa e obra”, explican dende o Goberno local.
Participarán Martín Fernández Vizoso, estudoso da figura de Elisa Lamas e moitas outras mulleres mindonienses, así como rapazas e rapaces do IES San Rosendo que intervirán coa lectura de varios textos.
Neste mesmo acto serán entregados os premios dos concursos escolares ‘Debuxando en Igualdade’ (debuxo) e ‘Letras para a igualdade’ (relato curto), convocados para o alumnado dos centros de Primaria e Secundaria de Mondoñedo, Abadín, Lourenzá, A Pastoriza e Riotorto.
Cea das mulleres
Dentro dos actos previstos durante o mes de marzo, o Concello de Mondoñedo recuperará este ano, tras un parón de catro, a celebración da cea das mulleres, o vindeiro venres 23 de marzo. Trátase dun evento social no que as mulleres do Concello e limítrofes poden socializar entre elas nun entorno relaxado e festivo.
Máis actividades
Ademais destes actos, dende o Goberno local tamén fan mención á participación dunha representación do CIM na xornada ‘Lidera: avanzando en igualdade’ que organiza a Xunta de Galicia o vindeiro 7 de marzo en Santiago de Compostela, así como á intervención da alcaldesa Elena Candia, mañá xoves, ás 11:45 horas no CEIP Álvaro Cunqueiro Mora, onde contará a súa experiencia como exemplo de muller profesional.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive