23 de Xuño de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Goberno da Deputación súmase ás reivindicacións de igualdade no Día Internacional da Muller

08-03-18

Lugo, 8 de marzo de 2018. O Goberno da Deputación súmase ás reivindicacións de igualdade no Día Internacional da Muller, que se celebra este 8 de marzo, conmemorando a loita das mulleres por alcanzar a igualdade na sociedade. O Presidente, Darío Campos Conde, acompañado de varios membros do equipo de Goberno, participou na concentración que tivo lugar diante do Pazo de San Marcos co fin de concienciar e loitar contra a desigualdade entre mulleres e homes. Ademais, o Executivo Provincial aprobou unha declaración institucional con motivo do Día Internacional da Muller.

Campos Conde convidou a tódolos gobernos locais a sumarse á celebración desta xornada “para reflexionar sobre o grao de avance na loita contra a desigualdade e para emprender cantas accións sexan precisas en prol dos dereitos das mulleres en tódolos ámbitos da sociedade. É oportuno salientar que as entidades locais somos claves na erradicación da violencia de xénero. Só traballando dende o territorio poderemos acabar coa violencia contra as mulleres, as súas fillas e fillos e fomentar a construción dunha sociedade libre”.

“Así mesmo consideramos que a fenda salarial entre mulleres e homes constitúe unha discriminación por razón de sexo xunto coa precariedade e temporalidade entroutras cuestións de índole social que impiden ás mulleres participar en igualdade de condicións. As nosas sociedades deben desenvolverse como espazos de convivencia, onde exista unha igualdade real e efectiva que rompa coas discriminacións de xénero e estereotipos froito do patriarcado e onde a muller alcance o seu pleno crecemento e contribúa a unha sociedade máis xusta”.

“As mulleres cada vez sofren máis desequilibrio salarial, cobran menos, hai máis paro, e o traballo, como sinalan os datos, son máis precarios. Sen esquecer a lacra da violencia machista. Dende esta Deputación traballamos para facer realidade a igualdade. Por iso, expresamos o noso compromiso co mandato constitucional e a vontade de promover dende os Concellos o pleno establecemento desa igualdade real e efectiva.”

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive