11 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de Lugo reivindica a necesidade de impulsar iniciativas orientadas a poñer en valor o liderado feminino e o empoderamento das mulleres

10-03-18

MONFORTE DE LEMOS, 10 de marzo de 2018.- O Partido Popular de Lugo reivindicou este sábado, en Monforte de Lemos, no marco do ato conmemorativo do Día Internacional da Muller, a necesidade de impulsar iniciativas orientadas a poñer en valor o liderado feminino e o empoderamento das mulleres. Así o destacou a coordinadora do PPdeG, Susana López Abella, quen manifestou que “é fundamental seguir apoiando o liderado feminino e a presenza das mulleres en todas as esferas da sociedade, incluíndo os postos de decisión e de influencia”.

E é que para a popular esta cuestión supón humanizar as organizacións. “A muller nun cargo directivo pode achegar o seu talento e ademais modelos nos que razón e emoción poidan traballar de forma eficiente, xa que unha sociedade que se defina como xusta, social e economicamente desenvolvida non pode consentir que a metade da poboación siga tendo que enfrontarse a miúdo á desigualdade e á discriminación por razón do seu sexo”, suliñou.

Neste senso, avogou por seguir traballando dende as administración para reverter a situación actual, pois a incorporación das mulleres ao mercado laboral, a permanencia do emprego e as súas condicións de traballo “aínda están lonxe do que realmente nos gustaría”. Precisamente, e afondando nesta afirmación, Elena Candia apuntou que, “no recoñecemento do dereitos das mulleres, non debemos dar nin un paso atrás”, incidindo en que “o principio de capacidade non ten nin idade nin sexo, e o talento non ten xénero, ten mérito”.
Asimesmo, e plenamente convencidas de que “a defensa da igualdade non debe entender de siglas, senón de persoas”, tanto a coordinadora do PPdeG como a dirixente do PP destacaron que, dende as administracións, cómpre seguir traballando no impulso de políticas que contribúan a reducir as cifras que estes días ser foron facendo públicas, e que indican que o 75% dos contratos a tempo parcial na provincia recaen nas mulleres.

E é que, no se refire á fenda salarial, esta alcanza en Lugo o 26%, fronte ao 20,9% no conxunto da Comunidade. En termos autonómicos, en Galicia a retribución media anual no caso dos homes ascendeu, segundo amosan os últimos estudos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e da Axencia Tributaria, aos 22.505 euros; mentras que, no caso das mulleres, rozou os 17.800, polo que hai unha diferenza de 4.7000 euros ao ano. Isto equivale a que, cunha xornada laboral anual de 251 días, unha muller tería que traballar 66 días máis para cobrar o mesmo que un compañeiro varón.

Esta fenda salarial tradúcese, a longo prazo, en que unha muller tería que cotizar dez anos máis que un home para cobrar a pensión máxima. É dicir, aos 36,25 anos traballados que se esixen en 2017 para cobrar a contía máxima por xubilación, unha muller tería que sumar outros 9,6 anos. Por sectores, a maior porcentaxe de fenda salarial entres homes e mulleres corresponde á agricultura, gandeiría, silvicultura e pesca (31,9%), seguido da industria (29,8%), comercio reparacións e transporte (28%) e a industria extractiva, enerxía e auga (27,8%).

Galicia, a 5ª Comunidade e España con menor fenda salarial
Con todo, en canto á situación por comunidades, Galicia figura como a quinta de España con menor fenda salarial. E isto é posible grazas ao traballo que está a realizar nesta materia a Xunta de Galicia. Precisamente, segundo destacou López Abella, “somos a administración autonómica do Estado que máis está a avanzar en políticas de igualdade”. Así o demostra o anuncio realizado esta mesma semana polo presidente Feijóo de crear o I Plan de Conciliación e Corresponsabilidade. Este Goberno será tamén o que aprobará o I Plan de Igualdade da Administración Xeral da Comunidade Autónoma.

Galicia tamén se sitúa, tal e como afirmou a deputada autonómica, no primeiro posto a nivel nacional no que á regulación da formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal e servizo da administración se refire. No marco deste compromiso, citou a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a vítimas da violencia machista; unha iniciativa, dotada con preto de 2 millóns de euros, e que permitíu beneficiar e mellorar a empregabilidade de máis de 520 mulleres.

Mención especial tamén merecen para a popular as axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020. O importe deste ano supera os 4,2 millóns, que están destinados ao apoio de centros de información ás mulleres (CIMs), fomento da conciliación e prevención de tratamento integral da violencia de xénero. Na convocatoria de 2017 foron 2016 os concellos beneficiarios. Asimesmo, dende a súa posta en marcha en 2009, o investimento desta iniciativa aproxímase aos 35 millóns de euros.

No marco do programa EMEGA de apoio ao empoderamento económico e social das mulleres, fomentando o seu emprendemento, a Xunta de Galicia leva investidos máis de 6,8 millóns dende 2009; o que contribuíu á creación de 910 postos de traballo femininos. Por outra banda, a entidades de iniciativa social, o Goberno galego leva inxectados, nos últimos 8 anos, máis de 8,6 millóns; e para a redución de xornada, das que se beneficiaron máis de 2.000 persoas, dos que máis do 75% foron homes e resto mulleres, máis de 4,5 millóns. Precisamente, en 2018, esta orde de axudas verase incrementada nun 26%.

Finalmente, en axudas para o fomento do asociacionismo feminino, o investimento realizado nos últimos oito anos supera os 1,7 millóns. Neste caso, cabe destacar que, en 2017, se beneficiaron desta medida 94 asociacións, das que a maior parte foron de mulleres rurais.

Desenvolvemento do encontro
A xornada celebrouse no Hotel Cardenal, de Monforte de Lemos. Foi inaugurado pola coordinadora de Igualdade do PPdeG e clausurado pola presidenta do PP provincial.

Constou de dúas mesas redondas, que estiveron moderadas pola voceira do PP neste municipio e deputada autonómica, Julia Rodríguez. Na primeira interviron as empresarias locais: Carmen José López Rodríguez e Mari Carmen Rodríguez González; e a deportista Juliana Ribeiro Escobar. A continuación proxectouse o vídeo Coraxe da Muller, protagonizado pola patrona maior da Confraría de Pescadores de Ribadeo, Celia Pacio Fernández.

A segunda contou coa intervención da ama de casa, María Ángeles Martínez Campos, da autónoma e emigrante, María Domitila Armesto Arias, así como de Doris López López; unha venezolana filla tamén de emigrantes, que, xunto con María Ángeles, expuxeron o papel que xoga a muller segundo o país no que resida. Para poñer o broche final ao encontro, houbo unha actuación musical.

Aforo completo
O encontro contou cun gran éxito de afluencia, ademais de distintos representantes do Partido a nivel nacional, provincial, autonómico e local. Ademais de López Abella, Elena Candia e Julia Rodríguez, a xornada tamén contou coa presenza do secretario Xeral, Carlos Armesto; do subdelegado do Goberno e vicepresidente do PP provincial, Ramón Carballo; das deputadas autonómicas, Encarna Amigo e Raquel Arias; dos deputados nacionais, Joaquín García Díez e Jaime de Olano; dos senadores Dámaso López e Gerardo Criado; do delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro; da deputada provincial e concelleira do Concello de Lugo, Mari Teijeiro; do voceiro do grupo municipal do PP de Lugo, Antonio Ameijide; e do concelleiro e membro da Comisión de Igualdade, Enrique Rozas.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive