25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Suárez Barcia particiou en Santiago nunha xornada de traballo da Fegamp na que se falou de incendios forestais. A súa intervención centrouse na aplicación da lei de montes, que está tentando levar a cabo o Concello, e na limpeza de árbores que arden nas franxas de protección

13-03-18

Ribadeo, 13 de marzo de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, participou en Santiago nunha xuntanza de traballo da Fegamp, na que se falou de incendios forestais e á que acudiron rexedores tamén da Comunidade Intermunicipal da Rexión de Coimbra (Portugal). O rexedor referiuse ás medidas adoptadas polo Concello para que a veciñanza proceda ao cumprimento da lei montes e manteña limpas de árbores que arden nas franxas de protección.

Fernando Suárez sinalou que “eu, a diferenza dos meus compañeiros que me antecederon no uso da palabra, veño dun concello do norte da Galiza que non tivo incendios significativos nestes últimos anos. O clima do norte do país é diferente, máis húmido, máis comparte unha cousa con sur, que é un inmenso eucaliptal, e tamén comparte unha cousa con todo o resto do país, que hai unha anarquía entre as vivendas e a confusión co monte, coas masas forestais, desde hai moitos anos. Isto é así por incapacidade dos gobernos locais e dos gobernos galegos, por deixar facer, polo que fora, pero a realidade é que temos un país espallado onde o monte chega á beira da porta das vivendas. E cando hai lume pasa o que pasa”.

O alcalde dixo que “en Ribadeo non houbo lumes significativos nos últimos anos, pero en novembro tivemos un incendio moi importante, que non afectou a ningunha vivenda aínda que colleu un número de hectáreas considerábel a pesares de que houbo nese caso moitos medios: municipais, voluntarios de Protección Civil, da Xunta, dos bombeiros, forestais dos bombeiros urbanos,… pero non chegaban a nada porque o lume desbócase sobre especies pirófitas como os eucaliptos. A única salvación que tivemos foi que choveu de noite e apagou o lume. Entón á vista do que foi pasando, do que nos ocorreu a nós (a Galicia) neste outubro, cando morreron persoas, do que vos pasou a vós, un pouco máis ao sur que nós, onde morreron moitas persoas, decidimos que había que facer unha cousa tan obvia e tan difícil como mandar cumprir a lei, nin máis nin menos. Pero iso ten varios problemas porque unha cousa é dicir que hai que cumprir e outra é mandar e obrigar a cumprir, porque cando hai lume veñen as desesperacións, os berros, dicindo que non hai medios, que ninguén nos axuda, pero nese momento non se pode facer máis porque, por exemplo, de noite non poden vir os hidroavións”.

Fernando Suárez subliñou que “se non temos o monte ordenado, se non temos cortalumes e se non temos faixas de protección das vivendas dificilmente podemos atallar un lume como os que se producen e como os que van seguir producíndose con este cambio climatolóxico. En Ribadeo, ao norte da Galicia, este ano foi a primeira vez que tivemos 35 graos de temperatura; eu nunca na miña vida vira en Ribadeo 35 graos, pero agora pasa”.

O alcalde de Ribadeo explicou que “hai dous obxectivos moi importantes para tentar facer o que estamos facendo nós. Non sei si o imos conseguir. Ese incendio rexistrado en Ribadeo cambiou a nosa maneira de ver as cousas, os vosos lumes impactáronnos moito e o que pasou no país tamén nos impactou moito. A nós a xente elíxenos para que gobernemos, gústanos gañar eleccións, pero ser alcalde ou alcaldesa significa dar exemplo e tomar decisións. E entón hai veces que hai que ser duro. E aquí neste país tendemos a botarnos moito a culpa. As normas forestais e de montes non as lexislan os Concellos, neste caso é a Xunta a que ten lexislado e moi ben lexislado, de tal maneira que hai unha lei desde o ano 2007 que ninguén cumpriu, pero está aí”.

Suárez Barcia lembrou que “no 2007 dicíase que había que ter unha faixa de protección dos núcleos urbanos ou das viviendas unifamiliares illadas de cando menos de 50 metros das especies pirofitas, no 2009 cambiouse a 30 metros, e agora como houbo estas mortes volveuse cambiar a 50 metros. Pero é igual, se non se cumpre pódese poñer calquera cousa. Cando hai tensión e incendios veñen despois os problemas e as culpas. A Xunta di: eu lexislei, é culpa do Concello, que non mete a seus cidadáns en vereda… e o Concello di: é inxusto porque non temos medios, persoal, capacidade, etc… ¿qué é o que estamos facendo? Hai que ter determinación, sen medo, e tamén bos técnicos municipais”.

O rexedor engadiu: “en Ribadeo, cunha poboación de 10.000 habitantes, o que fixemos foi enviar 700 cartas lembrándolle aos veciños o que pon a lei. Dicíndolles que teñen a obriga antes do 31 de maio de cada ano de ter as faixas de protección de vivendas libres de especies que arden. Informámolos que si a 31 de maio non o teñen feito, a partir do 1 de xuño mandaremos requerimentos de que teñen 15 días para actuar. E se non o fan chegarán ou multas coercitivas ou execucións subsidiarias. Pero tamén pedimos colaboración e coordinación entre as administracións, entre a Xunta e o Concello. En Galicia somos, como dicides vós, 313 cámaras municipais, e somos contados os que estamos tentando levar isto ata o final. Sen vontade e sen determinación nuns meses teremos os mesmos problemas e as mesmas culpas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive