18 de Xullo de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

13 Deputados aproban no Pleno un acordo “ilegal”

11-04-18

Lugo, 10 de abril de 2018. Os 12 Deputados do Partido Popular e Manuel Martínez aproban no Pleno Extraordinario deste martes un acordo “ilegal”. É a 1ª vez na historia da Deputación, que se vota a favor dunha proposta que conta con cinco informes xurídico-administrativos desfavorables (Secretaria Xeral, Asesoría Xurídica, Intervención, Contratación e Benestar) e sobre a que se apunta textualmente e se remarca o seguinte: como conclusión, non cabe senón advertir da manifesta ilegalidade dos acordos que se pretenden adoptar, sinalando que así constará na acta da sesión.

O acordo que presentou o Partido Popular é o seguinte: ratificación da eficacia da encomenda de xestión á entidade mercantil SUPLUSA aprobada polo Pleno da Deputación Provincial de Lugo con data 26/10/2010 e da declaración da continuidade da sociedade como medio propio e servizo técnico da institución provincial para a prestación do servizos sociais.

A petición da ratificación da encomenda de xestión á SUPLUSA desvela as reiteradas e manifestadas mentiras pronunciadas ao respecto, pois asegurouse que o Goberno da Deputación quitara esta encomenda a dita sociedade mercantil. De ser certo isto, hoxe debería terse solicitado, en todo caso, a súa continuidade. O certo é que a encomenda de 2010, que é para a construción dos centros de maiores, segue vixente, tal e como sempre se dixo e se acreditou con documentación oficial. De feito, na Xunta de Goberno do 9 de marzo, o Executivo da Deputación ordenou a SUPLUSA que execute a encomenda e continúe coas obras das residencias.

Ao respecto da petición do Partido Popular sobre a declaración da continuidade da sociedade como medio propio e servizo técnico da institución provincial para a prestación de servizos sociais, cómpre destacar que SUPLUSA non pode recuperar a súa condición de medio propio sen cumprir coas leis que rexen as encomendas de xestión, tal e como recollen os cinco informes xurídico-administrativos presentados ao Pleno. É dicir, isto non é un mandato político senón normativo, pois hai que cumprir as leis.
Como sempre se asegurou e se acreditou con documentación oficial, na Xunta de Goberno do 9 de marzo, o Goberno da Deputación retira a SUPLUSA a súa condición de medio propio debido aos seus múltiples incumprimentos, pois non atende as directrices da súa matriz, que é a Deputación. Por exemplo, negouse a asumir a prestación dos catamaráns, a entregar ao organismo provincial as liquidacións de 2016 ou a documentación dos centros de maiores finalizados, entre outras cuestións. No acordo de dita Xunta de Goberno, tamén se apunta que SUPLUSA pode recuperar a súa condición de medio propio cando regularice a súa situación, é dicir, cumpra a lei.

Ao respecto dos centros de maiores e ante as manifestadas mentiras ou manipulacións pronunciadas ao respecto cómpre aclarar o seguinte:

1.- A encomenda aprobada en 2010 foi para a construción dos centros de maiores.
2.- Os primeiros convenios cos Concellos foron para as obras. De feito, a Deputación comprometía un investimento de 1,2 millóns e os Concellos a colaborar cos 200.000 euros, achegando os terreos e os servizos urbanísticos.
3.- A Deputación definiu recentemente o modelo de xestión dos centros de maiores cos Concellos, respectando a autonomía municipal e tendo en conta que son os Concellos os que teñen as competencias directas na materia. Fixérono en reunións dos representantes políticos cos Secretarios e Interventores provinciais e municipais para, ademais de cumprir coa vontade política de que as prazas sexan para todos os lucenses, acadar un modelo que cumpra rigorosamente a lexislación vixente, pois dende a posta en marcha da rede pública de residencia e centros de día no 2010 producíronse significativos cambios normativo que fixaron novos límites ás administracións públicas en materia orzamentaria, contratación ou emprego público.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive