13 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Con Pólvora e Magnolias: “Llarena e a xustiza que ven de Europa”

12-04-18

Hai tempo que levamos intentando definir, non sen dificultades, que demo é Europa. E non vaian pensar que a cuestión é sinxela porque cando pretendemos describir non só se debe pensar en termos de presente senón que é imprescindible ter tamén a perspectiva de pasado-futuro.
O Brexit trouxo consigo a impugnación do que ata entón era una axioma: o todo é maior que a parte, e a incertidume fíxonos de novo comezar a tremer.
Por iso mesmo o que estamos a debater é a consolidación do modelo ou a súa re fundación.
Para non dar moito máis rodeo innecesario poño por diante que non son un entusiasta do actual modelo europeo: unha unión económica ineficaz, insolidaria e anti-liberal, un experimento político fracasado, unha macroestrutura de burócratas parasitarios e un muro inquebrantable para a libre circulación de traballadores e persoas. Todo iso é, ao meu parecer, Europa.
Posto como antecedente aquilo que é obxecto de crítica, haberá tamén que rescatar aqueles aspectos máis interesantes do modelo europeo.
Se me permiten o apuntamento, coido que a xustiza é o éxito máis subliñable de Europa.
O espazo configurado por esta transcende os intereses nacionais dos estados que a conforman, e lévaos a ter que fixar un denominador común e obrigarse por el. Exemplos non faltan: dende o pronunciamento do Tribunal de Xustiza da UE en materia laboral relativo ao disfrute de vacacións despois da incapacidade temporal, a nulidade das cláusulas abusivas nos préstamos hipotecarios ata a recente denegación de extradición do ex president Puigdemont.
E esta última cuestión non por controvertida deixa de ser transcendente á par que acertada; Europa ven a por en cuestionamento a práctica do presidente do goberno español de delegar todas as decisións na xustiza –e non só aquelas que lle competen como o respecto imprescindible das regras do estado de dereito-.
Por iso é convinte lembrar que o que temos hoxe entre mans son procedementos de instrución (investigación) abertos por presuntos delitos, uns cantos políticos independentistas fuxidos e outros tantos en prisión preventiva.
Por este mesmo motivo a interpretación que fai o xuíz Llarena do art. 472 do Código Penal, que encabeza os delitos contra a Constitución, é radicalmente contraria á que fai o xustiza alemana. Esta considera que, para que puidera concorrer un delito de rebelión, é imprescindible a existencia dun alzamento violento e público, para conseguir a independencia dunha parte do territorio. Non apreciando tipicidade na conduta do ex president, denega a extradición.
O labirinto xurídico no que se atopan o xuíz Llarena e o estado español pon de manifesto que o uso das institucións e do aparato de estado para afianzar posicións políticas só conlevan a perda do dereito e o desleixo da xustiza.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive