24 de Abril de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Mondoñedo e a Xunta impulsan un curso sobre técnicas de aproveitamento resineiro para mozos e mozas de 18 a 35 anos

13-04-18

Mondoñedo, 13 de abril de 2018.- A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, participou esta mañá na presentación, xunto á directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, dun curso formativo sobre técnicas de aproveitamento resineiro dirixido a mozos e mozas de 18 a 35 anos de idade que desenvolverá a Xunta de Galicia e o Concello e Mondoñedo en colaboración coas Comunidades veciñais en man común da parroquia de Figueiras e de Estelo.

Trátase, segundo explicou a rexedora de darlle continuidade ás xornadas forestais organizadas polo Concello o pasado mes de novembro coa implicación das comunidades de montes de Estelo e Figueiras, “que se sumaron ao proxecto”, así como o Centro do Instituto San Rosende para que os mozos e mozas coiden do monte e coñezan as súas posibilidades.
O proxecto é un exemplo de unión de esforzos e medios entre administracións e entidades para ofrecer á mocidade ferramentas que lle axuden a adquirir unha capacitación vinculada coa valorización dos recursos e potencialidades que ofrece o territorio.

Formación de carácter teórico-práctico
Esta iniciativa formativa de carácter teórico-práctico desenvolverase de abril a outubro e terá unha duración de 40 horas. As clases teóricas impartiranse no Centro comarcal de Mondoñedo os días 20, 21, 22, 27 e 28 de abril, en horario de mañá e tarde, co obxectivo de que os mozos e mozas tomen conciencia dunha realización correcta desta tarefa para non danar a madeira e para maximizar a produción.
A parte práctica, cunha duración de 56 horas, desenvolverase os sábados a partir de maio e consistirá en 14 visitas a parcelas sitas no monte veciñal para que os participantes amplíen os seus coñecementos na aplicación práctica do aproveitamento, na toma de decisións e na optimización da xestión.
Os mozos e mozas interesados poderán inscribirse ata o vindeiro 19 de abril a través da plataforma web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive