Lugo, 20 de abril de 2018. O Voceiro do Goberno da Deputación e Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, esixiu hoxe á Xunta de Galicia que deixe de xogar coa saúde dos lucenses e implante dunha vez o servizo de Hemodinámica as 24 horas para atender debidamente aos doentes da nosa provincia que sofren un infarto. “Levamos anos reclamándoo os lucenses e tamén o piden os maiores especialistas en Cardioloxía, como o doutor Juanatey, que saben da importancia de dar unha atención rápida aos doentes que sofren un infarto, a Xunta xa non ten escusa na que esconderse para non dar a atención necesaria aos lucenses”.
Álvaro Santos instou á Xunta a implantar dunha vez o servizo de Hemodinámica 24 horas, tal como leva anos reclamando a sociedade lucense, e a atender as recomendacións que fan os profesionais máis cualificados da especialidade sanitaria de Cardioloxía, como o Xefe do Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, o doutor José Ramón González Juanatey, quen destacou que a atención aos doentes de Lugo as 24 horas “é unha prioridade”. Este importante especialista defendeu a necesidade de que a provincia de Lugo conte co servizo de Hematoloxía sen interrupcións e dixo que “o interese do doente ten que prevalecer” e “non pode haber diferencias en función do código postal”. O doutor Juanatey insistiu na importancia da atención aos doentes nas primeiras 24 horas logo de sufrir un infarto no XVIII Simposio Internacional de Cardiopatía Isquémica e Críticos Cardiovasculares, celebrado onte en Santiago de Compostela pola Sociedade Española de Cardioloxía, onde reclamou que a atención ao doente se debe “garantir tamén na fin de semana”.
Logo das rotundas declaracións que fixo o doutor Juanatey, o Voceiro do Goberno da Deputación e responsable de Relacións Institucionais emplazou á Xunta a actuar xa que “temos escoitado dicir aos responsables da Xunta de Galicia que só lle concederían Hemodinámica as 24 horas aos lucenses cando os técnicos o recomenden, pois agora xa non teñen escusa, as declaracións do doutor Juanatey son contundentes e clarificadoras”. Santos Ramos remarcou que “polo tanto esiximos á Xunta do PP que cumpran dunha vez cos lucenses, e que cumpran así tamén coa súa palabra, alomenos por unha vez, queremos que aos lucenses se nos atenda como recomendan todos os profesionais que son referentes da especialidade de Cardioloxía”.