24 de Abril de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP desminte agora á Conselleira do Mar no “máster en trapalladas” da candidatura galega ao laboratorio europeo de bivalvos

13-04-18

Santiago de Compostela, 13 de abril de 18. Novo capítulo no “relato esperpéntico” do PP e do goberno europeo coa suposta candidatura de Galicia a constituírse en sede do Laboratorio Europeo de referencia de control bacteriolóxico de Bivalvos. O deputado do PP Pazos Couñago confirmoulle hoxe en Comisión ao portavoz de Marisqueo do Grupo Socialista, Julio Torrado, que “non existe documentación” da dita candidatura.

O parlamentario socialista presentou hoxe unha iniciativa para pedirlle á Xunta un informe sobre os pasos levados a cabo pola Xunta para defender a candidatura que fora anunciada por Feijóo no pasado mes de novembro despois de que o Ministerio votara a favor de disolver o organismo. Esta solicitude incluía “a documentación presentada e tramitada para solicitar ante o goberno de España constituír a candidatura de Galicia”.

O parlamentario do PP esforzouse hoxe en rexeitar a iniciativa argumentando que a dita documentación non existía porque nunca fora presentada. Torrado respondeulle lembrando que a conselleira dixera no Pleno do Parlamento do 12 de xullo que “así llelo solicitamos á ministra, aínda a semana pasada volvín remitirlle a documentación ao Ministerio”.

O responsable socialista acusou ao PP de elaborar un “Máster en trapalladas”, en alusión ao escándalo relacionado coa formación académica da presidenta de Madrid, Cristina Cifuentes. Acusounos de “fuxir cara adiante porque non son capaces de recoñecer un erro”, e advertiu que “cada declaración deixa en evidencia ás anteriores”, ademais de que a súa “obsesión pola opacidade demostra que hai algo que ocultar”.

Lembrou así á intervención da mesma conselleira do Mar, que con relación a este mesmo caso interveu en decembro para xustificar que no mes de xullo defendera a candidatura porque non souberan ata outubro que o organismo ía ser desmantelado. Daquela, sinalou Torrado, puxo en evidencia ao propio presidente da Xunta, quen un mes despois, en novembro, organizara un acto para anunciar a candidatura no Intecmar de Arousa.

Proceso

Torrado tivo que explicar hoxe de novo que o Ministerio de Sanidade votou o 18 de outubro en Bruxelas a favor da disolución do laboratorio mentres Feijóo anunciaba publicamente a candidatura na sede do Intecmar o 24 de novembro, máis dun mes despois.

Criticou que o PP e o goberno galego intentaran responsabilizar a Cataluña, supostamente presente no Comité Europeo de Plantas, Animais, Vexetais e Alimentos, e ao comisario de Saúde e Seguridade Alimentaria como presidente, obviando que non tiña voto na sesión que decidiu suprimir o organismo.

Explicou que naquela xuntanza si que participou o Ministerio de Sanidade, que ademais votou a favor, sen ter amosado ningunha obxección, como si que fixo Suecia, que presentou as súas alegacións en contra.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive