26 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Os socialistas respaldan o manifesto para flexibilizar a obriga de desembarque das capturas de pesca na UE

11-04-18

Santiago de Compostela, 11 de abril de 18. O Grupo Socialista amosou o seu apoio ao Manifesto para a flexibilización da obriga de desembarque das capturas realizadas pola flota da UE, elaborado pola Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social. Así o dixo Loli Toja no debate dunha proposición non de Lei neste sentido que foi presentada conxuntamente polos catro grupos parlamentarios e aprobada no Pleno de hoxe.

A portavoz de Pesca trasladou o apoio do Grupo Socialista a esta proposta e sinalou que “a eliminación dos descartes ten que ser progresiva para que poida ser un compromiso viable” e reivindicou unha actuación proactiva da Consellería do Mar para reverter esta situación diante da obriga de eliminar os descartes en xaneiro de 2019.

Respaldou a posición da Fremss a favor da conservación dos ecosistemas mariños pero buscando un equilibro coa actividade pesqueira, xa que tal e como está establecida a obriga de desembarque “pode poñer en perigo a sustentabilidade socioeconómica da estrutura pesqueira e o emprego do sector produtivo”.

Coa disposición da UE, todo o exceso de cota pesqueira é considerado como descarte, e hai que desembarcalo, obrigando a levalo a terra ocupando espazo nas embarcacións, implicando unha maior carga de traballo e menor rendibilidade da actividade pesqueira.

Apuntou que a UE “é incapaz de establecer un modelo de xestión que permita á flota española do Cantábrico, sobre todo á galega, capturar xarda con cota suficiente para non ter que descartala”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive