26 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Unha vez refrendado na xunta de goberno da Deputación o convenio asinado co Concello para a posta en marcha da residencia de maiores de Ribadeo, agora toca seguir traballando, segundo o Alcalde. Pendente queda algunha documentación e a concesión do permiso de inicio de actividade por parte da Xunta

13-04-18

Ribadeo, 13 de abril de 2018. O alcalde, Fernando Suárez, cualifica de boa nova o convenio asinado entre Concello e Deputación para a posta en marcha da residencia de maiores, que hoxe foi refrendado na xunta de goberno da institución provincial. O rexedor asegura que por días como este está orgulloso de estar en política e que por días como este vale a pena loitar. Engade que o traballo debe seguir a partires de agora, e que entre os asuntos pendentes está a petición do permiso de inicio de actividade á Xunta, que agarda que sexa concedido sen problema.
Suárez Barcia declarou que “é unha moi boa noticia para Ribadeo, e emocióname dicir que hoxe é un destes días nos que un se sinte orgulloso de estar en política, e é un destes días polos que un sinte que vale a pena loitar a pesar dos problemas que moitas veces poidamos ter”.
O alcalde dixo que “este convenio entre a Deputación e o Concello de Ribadeo, que agora tamén a parte do Concello ven de ser refrendado pola xunta de goberno da Deputación de Lugo, ten ao noso xuízo, o mellor da política e o mellor da xestión que poida existir”.
O rexedor ribadense engadiu que “ten o mellor da xestión porque ten as achegas dos mellores técnicos, tanto do Concello como da Deputación, en todo este proceso de varios meses de traballo duro e discreto. Ten ao mesmo tempo o mellor da política porque, aínda que os gobernos dunha e doutra institución non somos da mesma cor política, si que soubemos deixar as diferenzas a un lado, que non hai moitas, e apostar dentro da legalidade por poder ter o mellor servizo, os mellores prezos, as mellores calidades, e as mellores garantías para os futuros usuarios e usuarias desta nova residencia, que non son outros que os nosos paisanos tanto os do noso concello prioritariamente como despois os da comarca e, se quedan prazas libres, os da provincia”.
Fernando Suárez quixo “deixar claro que a formación política da que formamos parte o goberno municipal de Ribadeo tamén apostou e aposta claramente en favor deste xeito de facer política. Isto non é nin máis nin menos que poñer os instrumentos públicos que existen para facer política a favor da xente, porque a ela nos debemos e a ela debemos servir”.
O alcalde comentou que “agora nos vindeiros días temos que seguir traballando para cumprimentar a documentación que falta como a ordenanza económica, o regulamento de xestión, de acceso, etc… Ao mesmo tempo isto é necesario para pedirlle á Xunta o permiso de inicio de actividade, un papeliño sen máis, pero que confiamos non ter problema algún, xa que se desde o inicio de todo este proceso, desde hai varios anos, a Xunta non puxo un peso en toda esta acción polo menos que non poña máis paus nas rodas ao que é o noso soño colectivo, noso da unanimidade da Corporación e da unanimidade da xente de Ribadeo, que é a nova residencia para maiores”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive