27 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Deputación mellora a estrada Momán-As Pontes, cun investimento de 654.000 euros, “mentres os veciños levan 7 anos agardando as melloras prometidas pola Xunta na LU-170”

16-05-18

Lugo, 16 de maio de 2018. O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e o Alcalde de Xermade, Roberto García Pernas, supervisaron hoxe as importantes melloras feitas pola Deputación na estrada LU-P-2204 que comunica Momán e As Pontes de García Rodríguez. O Goberno provincial leva investidos máis de 654.000 euros en melloras nesta vía, da que xa van remodelados dous treitos de 4 kilómetros, atendendo ás demandas veciñais, tal como destacou Álvaro Santos. Mentres, os veciños seguen a reclamar á Xunta as melloras comprometidas reiteradamente na estrada autonómica LU-170, por iso, “pedimos á Xunta que atenda as demandas que lle fan os veciños e que leve a cabo dunha vez as melloras tantas veces prometidas nesa estrada autonómica, esta é unha gran necesidade porque se trata dunha vía fundamental para comunicar esta zona coa Mariña e para dar acceso ao Polígono Industrial”.

“Sete anos despois, a Xunta segue sen reparar esta estrada, garantindo as comunicacións e a seguridade dos 200.000 usuarios da zona norte da provincia. O Goberno do PP comprometerase a arranxar a estrada en 2011 e mesmo publicou o proxecto no DOG, cun investimento previsto de 8,5 millóns de euros. Catro anos despois rebaixou o investimento a 1,8 millóns de euros para mellorar o tramo de Cabreiros ao polígono industrial de Xermade, unha execución que tampouco levou a cabo o que provocou concentracións e protestas veciñais”, recordou o Deputado de Relacións Institucionais.

Pola súa parte, o Alcalde de Xermade lembrou que “o arranxo da estrada autonómica LU-170 é unha antiga reivindicación dos veciños de Xermade, que a Xunta de Galicia prometeu en moitas ocasións e non dá feito nada, este é un auténtico incumprimento por parte do Goberno de Feijóo”. “Parécenos unha gran discriminación, temos un polígono industrial paralizado como consecuencia de que non se toman medidas para arranxar 9 kilómetros dunha estrada autonómica que nos comunica coa Mariña, é das que peor está de toda Galicia e a Xunta está a marxinar a moita poboación, por iso lembrámoslle ao Presidente da Xunta de Galicia que non está cumprindo co rural como prometera”, manifestou García Pernas.

Melloras da comunicación con Santiago
O Deputado de Relacións Institucionais destacou que “coas obras de rexeneración que fixemos na LU-P-2204 quedan perfectamente acondicionados estes treitos dunha estrada que dá servizo aos veciños de Momán, esta é unha vía fundamental para a comunicación desta zona de Xermade con As Pontes de García Rodríguez”.

O Alcalde de Xermade salientou a importancia deste investimento da Deputación no municipio “porque é unha arteria de comunicación moi importante para toda a zona, xa que este é o camiño máis curto para os desprazamentos a Santiago de Compostela e aos aeroportos.

Santos Ramos e Roberto García inspeccionaron este mércores as obras que están a punto de rematar no treito da LU-P-2204 entre os puntos kilométricos 2 e 4, que tiveron unha dotación económica de 414.000 euros. Esta actuación supón a continuación dos arranxos feitos con anterioridade no treito entre os puntos kilométricos 0 e 2, que supuxeron un investimento de 240.000 euros.

Os traballos, que rematarán a semana que vén, consisten na remodelación integral do firme con aglomerado en quente, limpeza de cunetas, e incremento da seguridade coa instalación de sinalización horizontal e vertical.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive