20 de Agosto de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A falta de control do goberno municipal ten como consecuencia o nefasto funcionamento dos servizos en Barreiros, di o BNG

13-05-18

Barreiros, 12 de maio de 2018. “A imaxe que se pode ver estes días en paseos marítimos e depuradoras de Barreiros amosa o descontrol e a falla de planificación dos servizos por parte do goberno municipal”, asegura o BNG.
Desde a formación nacionalista explican que o goberno municipal de Barreiros comezou cos desbroces en paseos marítimos, encargándoos novamente a empresas privadas, a pesar de ter reducido na teoría a partida destinada para pagarlles, tras asegurar que a planificación permitía a súa realización con medios propios.
“A realidade non pode ser máis desoladora: unha empresa privada que realiza labores de desbroce parciais e que nin sequera é obrigada a rematalos, deixando todos os restos esparcidos polos paseos marítimos e creando unha imaxe de deixadez e de falta de capacidade na xestión de algo tan básico como é rozar. E a imaxe que se transmite con estas cuestións é moito máis grave, porque non se trata de accións puntuais ou de particulares; se non de traballos que dependen directamente do goberno municipal”, afirma a portavoz municipal, Ana Ermida.
“Isto si que é para indignarse, porque se os responsables de transmitir unha boa imaxe de Barreiros permiten que os traballos se executen deste xeito, e se paga por iso, está claro que o que lles importa a imaxe do noso concello é bastante pouco.”
O funcionamento das depuradoras municipais, de novo, deficiente.
Lamentablemente, e aínda sen chegar o verán, as depuradoras municipais volven a amosar a peor imaxe do concello de Barreiros e a realidade do seu goberno municipal.
“Xa non é só unha cuestión de capacidade. É que a día de hoxe, a maioría de depuradoras municipais teñen un pésimo funcionamento, polo que as augas e restos fecais que chegan ás mesmas saen practicamente sen ningún proceso de depuración”, afirman desde o BNG.
“Ista é a triste realidade dun goberno municipal que se preocupa máis de vender fume que de atender á realidade e solucionar os problemas que existen no Concello.”
“A realidade, asegura Ana Ermida, é que imaxe turística de Barreiros está cada día en peor lugar e perdendo prestixio continuamente. E iso si que é un pau para os sectores económicos ligados ao turismo, que teñen que organizarse e loitar por si mesmos para contrarrestar a imaxe que se ofrece desde os poderes públicos, derivada do abandono e da falta de traballo real para conseguir poñer a Barreiros no mapa de destinos turísticos.”
“Asistimos un ano máis a ter das mellores praias do Estado descoidadas e nun completo estado de abandono, sen ningún tipo de galardon ou recoñecemento, e con uns servizos precarios ou que se dispoñen en función de non se sabe que intereses. Atrás quedaron aqueles anos nos que o goberno municipal presumía da obtención de bandeiras azuis para chegar ao punto no que renegan delas por non ter feito o traballo suficiente para contar con praias dignas de recoñecementos. E desde o goberno municipal non fan absolutamente nada por recuperar o prestixio doa areais barreirenses”, asegura Ana Ermida.
“Sabemos que o Partido Popular é un experto en disfrazar a realidade, pero o día a día é teimudo e amosa a verdadeira dun goberno municipal que verte augas tan emporcalladas como as que saen das depuradoras municipais”, conclúen desde a formación nacionalista.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive