27 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Xunta solicita a Costas o peche cautelar das furnas, arcos e corredores das Catedrais como medida de seguridade provisional

16-05-18

Lugo, 16 de maio de 2018.- A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de solicitarlle ao Estado, como administración competente en dominio público marítimo-terrestre, o peche ao público das covas, as furnas, os arcos e os corredores en túnel de As Catedrais co fin de garantir a seguridade das persoas que visiten este espazo. Así llo transmitiu a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana Díaz, ao alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia, e ao xefe do servizo provincial de Costas do Estado, José Miguel Estevan Dols, no transcurso dunha xuntanza celebrada esta mañá en Lugo.

A petición da Xunta baséase nas primeiras conclusións do estudo encargado á Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia co obxectivo de analizar o estado xeolóxico e xeotécnico do monumento natural despois do accidente ocorrido no mes de marzo.

Segundo o informe preliminar e a raíz das visitas realizadas á praia polo equipo investigador, estímase que ao longo dunha parte importante da praia existe un risco, aínda non cuantificado, de caídas e desprendementos de bloques ou pedras de distintos tamaños, o que suporía un grave risco para a seguridade das persoas que estean nas proximidades. Este perigo de caída de material é maior en xeral baixo as furnas, as covas, os corredores e os arcos litorais, zonas que coinciden tamén coas de maior afluencia de visitantes.

Cómpre lembrar que o monumento natural de As Catedrais está na súa totalidade en terreos cualificados como dominio público marítimo-terrestre, cuxa titularidade correspóndelle ao Estado. Así, a Lei de Costas atribúelle á Administración estatal a protección do dominio público marítimo-terrestre a fin de asegurar tanto o mantemento da súa integridade como o seu uso público e os seus valores paisaxísticos, polo que tamén lle compete a adopción de calquera medida por motivos de seguridade das persoas nun espazo con esta cualificación.

Por este motivo e atendendo á distribución competencial entre administracións, desde a consellería decidiuse solicitar por carta ao Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente que proceda a pechar o acceso ás zonas da praia máis sensibles a posibles desprendementos, tal e como aconsellan os técnicos.

As conclusións sobre o estado actual de As Catedrais son aínda preliminares e haberá que esperar a que o estudo da Fundación da Enxeñaría Civil de Galicia estea máis avanzado para poder dispoñer dunha precisa caracterización xeolóxico-xeotécnica de todo o monumento natural. En todo caso e mentres non se dispoña do estudo definitivo, a Xunta considera que o máis axeitado é pedirlle ao Goberno do Estado a adopción das medidas oportunas para garantir a seguridade das persoas e entre elas, se procede, a prohibición do acceso ás covas, furnas, arcos litorais e corredores en túnel da praia de forma provisional.

Cómpre lembrar que as competencias da Xunta na praia de As Catedrais limítanse á protección do monumento natural desde un punto de vista ambiental e cun obxectivo conservacionista, co fin de preservar este espazo de posibles agresións e evitar o seu deterioro. Neste sentido, é o Estado, e máis concretamente o departamento competente en materia de costas, quen pode adoptar as medidas de policía preventiva necesarias para garantir a seguridade dos posibles visitantes; e de forma subsidiaria, o Concello de Ribadeo, como administración responsable en materia de seguridade pública.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive