18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PP de O Valadouro alerta que o Concello ten sen executar os preto de 9.500 euros concedidos pola Xunta para a escola de agricultura ecolóxica

16-05-18

O Valadouro 16, maio, 2018. O PP de O Valadouro alerta que o Concello ten sen executar 9.424 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia, destinados ao mantemento da escola de agricultura ecolóxica. Esta circunstancia implica que a entidade local corre o risco de perder esta partida que el mesmo solicitou e se inclúe no Fondo de Compensación Ambiental impulsado polo Goberno galego.

Concretamente, a entidade local recibiu ao abeiro desta iniciativa 171.666 euros que se distribuían do seguinte xeito: conexión da rede de saneamento (84.276 euros), adquisición dun tractor (30.000 euros), gastos de recollida de lixo e limpeza e mantemento de espazos naturais (47.966 euros), e os preto de 9.500 para o mantemento do citado centro.

Deste xeito, os populares, e logo de constatar os datos que demostran “unha clara ineficacia na xestión por parte do alcalde”, censuran que o socialista “desperdice” unha oportunidade destas características, sobre todo, cando a escola agrícola “era o proxecto estrela do equipo de goberno”, como así anunciou o propio rexedor en xaneiro de 2016.

Naquela data, o alcalde daba conta da creación deste centro –por certo, apoiado pola Deputación de Lugo- como un referente neste campo, a través do que se daría formación para obter o certificado de profesionalidade en agricultura ecolóxica, tal e como se esixe para poder acceder a axudas da Unión Europea.

Supostamente, con este centro complementaríase a formación do alumnado da escola de agricultura existente, podendo acceder aos cursos oficiais da Xunta de Galicia e dando tamén entrada aos titulares de explotacións convencionais que queren formarse nesta materia. Entre os cursos que anunciaba o alcade eran os de agricultura ecolóxica, compostaxe, reciclaxe ou mesmo produción de conservas artesanais, podendo incluso sacarse carnés profesionais, como os de manipulador de alimentos ou o de aplicador de produtos fitosanitarios. Xa, naquel momento, o rexedor apuntaba que estaba estudando a posiblidade de incluír unha parte na partida que recibe o Concello a través do Fondo de Compensación Ambiental.

“Un brindis ao sol”
Tendo en conta o suceder dos feitos, o voceiro do PP, José Manuel Lamela, lamenta que “todo o que nos prometeu fose un brindis ao sol, pois non se entende doutro modo que teña sen executar estes cartos que, tal e como el mesmo dixo, ían para impulsar a escola”. Por este motivo, pídenlle ao responsable do goberno local “máis responsabilidade cos fondos que recibe doutras administracións e, por outra banda, que dea explicacións públicas a todos os veciños, así como ao alumnado e ao profesorado dos motivos polos que semella non interesarlle estes 9.500 euros”.

“Cremos que isto só se pode deber á deixadez e á incompetencia na xestión do Sr. Maseda, e que os cidadáns de O Valadouro deben de coñecer. Resulta totalmente reprobable que, se se me permite a expresión, tire ao lixo tan descaradamente estes fondos, polo que ben merecemos todos unha explicación. Son cartos que tiñan un destino claro, e a obriga do alcalde e cumprir, primeiro, co que prometeu e, segundo, coa súa responsabilidade política e administrativa a este respecto”, remarcan.

Abandono dos invernadoiros
A este respecto, o voceiro do PP tamén critica o “estado de abandono” no que se atopan os invernadoiros, situados precisamente nas inmediacións da escola. Segundo o popular, estes levan polo menos un ano “totalmente descuidados”, a pesares de seren creados como un dos elementos máis importantes do centro e nos que se investiron, xunto coa escola, máis de 200.000 euros, a través do Fondo de Compensación Ambiental doutras anualidades e da axuda económica da Deputación.

“Aquí temos o exemplo palmario de que os gobernos socialistas non son unha garantía de xestión, máis ben son exemplo de malos administradores. É responsabilidade dos dirixentes facer un correcto uso dos fondos públicos e nós estamos dispostos a reclamalo cantas veces faga falla”, insiste Lamela.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive