27 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Proposta do BNG de Viveiro para a adopción de medidas na tempada estival-Resurretion

13-05-18

Viveiro 13-5-18. EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A tempada estival e, con ela o período vacacional de milleiros de persoas, está a piques de comezar e Viveiro debe prepararse para recibir unha grande afluencia de turistas e visitantes, que triplicarán un ano máis a poboación do seu municipio entre os meses de xuño e setembro, prevéndose ademais que o Resurrection Fest 2018 bata un novo récord de asistencia, fenómeno este que quintuplicará a poboación da nosa vila durante a súa celebración no mes de xullo.
O BNG de Viveiro cre que, durante esta tempada, o goberno municipal debe redobrar os esforzos do concello para dar cobertura ás necesidades das/os visitantes e das veciñas e veciños de Viveiro, xa que ve con preocupación a súa falta de adopción de medidas básicas para prestarlle á poboación residente no municipio de Viveiro aqueles servizos públicos fundamentais para o normal desenvolvemento da súa vida cotiá e que, ao mesmo tempo, sirvan para mellorar a imaxe do noso concello, no que repercute de forma
moi positiva a tempada de verán na economía local e no sector turístico do municipio.
Son moitas as veciñas, veciños de Viveiro e visitantes que residen durante estes meses de verán no noso pobo as que veñen manifestando a súa preocupación pola situación de sobresaturación no Centro de Saúde polo elevado número de pacientes que acoden diariamente a el. Así mesmo, veñen amosando o seu malestar pola problemática de salubridade e hixiene existente nos espazos públicos da vila. Por outra banda, é por todos sabido a demanda e preocupación que ven reiterando desde hai tempo o persoal do Centro de Saúde de Viveiro pola insuficiencia de recursos e de medios no Servizo de Atención Primaria e no Servizo de Urxencias que conta so cunha ambulancia asistencial de soporte vital básico, transporte sanitario este imprescindible para trasladar á veciñanza de Viveiro en estado crítico que require unha atención médica no menor tempo posible.
A organización nacionalista, consciente da transformación que sofre o concello de Viveiro na época estival, multiplicándose de xeito exponencial esta transformación durante a celebración do Resurrection Fest, considera prioritario que o goberno municipal leve a cabo coa suficiente antelación unha planificación e coordinación coas institucións, organismos e autoridades con competencias en materia de seguridade, en materia de servizos de atención sanitaria de emerxencia e en materia de saúde e sanidade pública para a organización e adopción de medidas necesarias que garantan a seguridade e
benestar da poboación, en xeral, e da veciñanza de Viveiro, en particular.
Á vista do exposto, o BNG de Viveiro insta ao goberno municipal de María Loureiro a traballar coordinadamente nun plan especial de seguridade, saúde e benestar da veciñanza e PROPÓN , a aprobación, entre outras, das seguintes medidas en materia de servizos de atención sanitaria de emerxencia, saúde e sanidade pública:
Primeiro.- Demandarlle á organización do Resurrection Fest a dotación dunha ambulancia medicalizada e unha ambulancia asistencial de soporte vital básico para o traslado ao hospital Comarcal da Costa de calquera emerxencia médica que poda haber durante a celebración deste festival, evitando así deixar desprotexida á poboación de Viveiro na época do ano de maior afluencia de visitantes coa adopción desta medida ao dispoñer o Servizo de urxencias de Viveiro dunha soa ambulancia.
Segundo.- Solicitarlle á Axencia Galega de Emerxencias a instalación nas inmediacións do recinto onde se celebra o Resurrection Fest, dun hospital de campaña que conte con todo o material e os medios necesarios para a atención “in situ” de maneira provisoria e inmediata de calquera emerxencia médica que se poda producir durante os días de celebración do festival.
Terceiro.- Esixirlle ao Sergas a cobertura das prazas necesarias de facultativas/os no Centro de Saúde de Viveiro que garantan as/ós viveirensas/es e visitantes unha asistenica sanitaria de calidade, co obxecto de evitar que as/os facultativas/os destinados no Centro de Saúde volvan a sufrir nos meses de verán, como sucedeu no 2017, unha sobrecarga de demanda asistencial, que sumado ao escaso número de facultativas/os, fixo que se viran obrigadas/os a facerse cargo dun número de pacientes (uns 2.500) moi superior ao cupo que teñen establecido por Lei, (1500) co consecuente perigo que esta situación supón, tanto para os/as medicos/as como para os/as pacientes.
Cuarto.- A dotación dun maior número de contenedores de lixo durante a celebración do Resurrection nos puntos estratéxicos de maior afluencia dos seguidores do Resurrection, así como a instalación de sanitarios portátiles, atendendo ao Real Decreto 2816/1982, de 27 de agosto que esixe aos concellos a súa colocación en todo evento ou acto público.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive