27 de Maio de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Socialistas de Barreiros, Foz e O Vicedo promoven iniciativas para recuperar as bandeiras azuis nas praias, perdidas con gobernos do PP

13-05-18

Barreiros, 12 de maio de 2018.- Socialistas de Barreiros, Foz e O Vicedo promoven iniciativas nestes Concellos para recuperar as bandeiras azuis nas praias, perdidas con gobernos do Partido Popular. Así o adiantaron este sábado nun acto público en Barreiros, municipio con 8 quilómetros de praias sen ningunha bandeira azul dende 2016 cando o Alcalde do Partido Popular decidiu non solicitalas. O PSOE presenta a maiores neste Concello outra proposta para esixir á Xunta de Galicia axilidade na dotación dunha nova estación depuradora en San Miguel de Reinante, pois dende hai anos prodúcense verquidos contaminantes na praia de Arealonga. Fano logo de conseguir un novo proxecto e coñecer nos últimos días que este por fin está redactado.

O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, lembrou que “hai 6 anos, Barreiros era o Concello da nosa provincia que lideraba o podio das bandeiras azuis, pois tiña 8 e hoxe non conta con ningunha. En Foz, había 7 e hoxe hai 5. O mesmo sucedeu no Vicedo, que pasamos de 2 a 1”. Os socialistas presentan mocións nestes municipios, instando aos Gobernos municipais, os 3 do Partido Popular, a acondicionar os areais para acadar este distintivo, que promove o turismo e garante a calidade dos servizos nas praias.

“É necesario que entender a importancia destes distintivos de calidade para o impulso do turismo en toda a provincia, pois recoñecen a calidade do servizo e é unha das cuestións que os turistas atenden á hora de planificar as vacacións”, destacou Eduardo Vidal Baamonde, Secretario de Promoción do Territorio na Executiva Socialista.

5 proteccións medioambientais que o PP non atenden
En Barreiros, “Concello e Xunta de Galicia, ambas as dúas administracións gobernadas polo Partido Popular, non están a atender ademais a súa responsabilidade de conservar os espazos naturais, como vemos que acontece en San Miguel de Reinante, unha zona con 5 proteccións medioambientais e recoñecida pola Unión Europea, onde levamos anos demandando unha nova EDAR. Despois de moita presión, conseguimos que a Xunta de Galicia asumise a súa obriga de facerse cargo do proxecto de dotación dunha nova depuradora. Nos últimos días, coñecemos que está redactado pero en avaliación e revisión. Polo tanto, solicitamos que se axilice a súa tramitación”, explicou Santos.

En Barreiros, “absoluto desleixo do Alcalde do PP”
A voceira socialista en Barreiros, María Carmen Veiga, destacou que a situación do municipio débese “ao absoluto desleixo” do Alcalde do PP, Alfonso Fuente Parga, que “prefire non solicitar as bandeiras azuis, non buscar solucións á falta de socorristas, non limpar os areais, non acondicionar os accesos, non ter os servizos en condicións… Sabe que a EDAR está a contaminar e que o Concello leva anos pagando multas con cartos de todos os veciños por esta situación pero non fai nada. Presentamos estas iniciativas para que todos os grupos se unan e consigamos volver a situar a Barreiros nun lugar de referencia no mapa turístico de España e Europa como sempre o foi”.

En Foz, “o traballo do Alcalde do PP non é bo, nin suficiente”
Por parte do PSOE de Foz, o membro Secretario de Política Municipal, Francisco Cajoto, destacou en primeiro lugar a “satisfacción” por ter recuperado as bandeiras azuis de dúas praias que son senlleiras, como A Rapadoira e Areoura; e destacou que “isto non se debeu ao traballo do Alcalde do PP, pois este non é bo, nin suficiente. Non se preocupa polos distintivos de calidade nin polos servizos que se ofrecen nas nosas praias. Por exemplo, hoxe temos unha praia en Cangas, a Praia dos Xuncos, que leva dende hai meses sen acceso para persoas con mobilidade reducida porque non se amaña a rampla, feito que levamos tempo denunciando. Podemos apostar, non só polas bandeiras azuis, senón tamén por outros distintivos como a Q de calidade ou a ISO, ao igual que fan outros Concellos como o de Burela, para seguir avanzando na promoción dos nosos areais. As praias hai que atendelas durante todo o ano, non só pouco antes do verán. Cremos que con traballo e esforzo poderíamos recuperar os 7 distintivos que tiñamos nas praias de Foz cando gobernaba o PSOE”.

Socorristas: dificultade do PP dende a Xunta
“Un dos maiores problemas que temos os Concellos para cumprir cos requisitos da bandeira azul é contar con 2 socorristas por praia”, explicou o Secretario Xeral dos Socialistas de Burela e Tenente de Alcalde do municipio, Ramiro Fernández. “As dificultades ponas o PP dende a Xunta, que debe ofrecer formación para que os municipios non teñamos que pelexarnos a ver que é o máis rápido a sacar a contratación destes profesionais”, reclamaou.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive