18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O BNG de Foz rexeita uns orzamentos que evidencian a incapacidade e falta de proxecto do PP

06-06-18

Foz, 6 de xuño de 2018. O Bloque Nacionalista Galego rexeitou co seu voto en contra no pasado pleno os orzamentos presentados polo grupo de goberno para o 2018. Segundo sinalou a portavoz nacionalista Lorena Seivane “trátanse dunhas contas públicas que, lonxe de dar resposta ás demandas e aos problemas dos veciños e das veciñas do noso concello, seguen sen presentar ningunha solución para os grandes temas que afectan a Foz. Deste xeito, o PP demostra unha absoluta falta de sensibilidade social con aqueles que máis precisan dun compromiso por parte das administracións públicas. Ao tempo, estamos diante dunhas contas falseadas, con moitas actuacións que non serían executábeis e que rematarían por engordar aínda máis a débeda do concello, como leva acontecendo ao longo desta lexislatura”.

“Unha boa mostra do que vimos de comentar” continúa Seivane “é a partida de ingresos, engordada en preto dun 100% co obxectivo de garantir a nivelación orzamentaria, cando é de sobra coñecido que unha boa parte dos ingresos de dubidoso cobro que mantén nos orzamentos son imposíbeis de recadar por ter prescrito os seus prazos legais e cando se aumenta a contía do diñeiro a ingresar por diversos tributos, moi por riba do que sinalan as diversas liquidacións orzamentarias de exercicios anteriores”. Na mesma liña a portavoz nacionalista sinalou que “ao longo deste mandato o grupo popular demostrou a súa incapacidade de xestión, tanto á hora de executar os orzamentos, cunha parte importante de partidas que non son gastadas, como na xestión do mesmo, até o punto de que a propia Xunta de Galiza lle vén de facer un requirimento por valor de 548.421€”.

“Non imos tolerar que o alcalde chantaxee aos veciños de Foz e que tente culpar da súa incapacidade aos grupos da oposición”, sinalou Seivane, indicando que “os orzamentos municipais non só non recollen as ducias de propostas aprobadas polo pleno municipal ao longo de 2017, e que en boa lóxica deberían aparecer no documento coa debida dotación orzamentaria, senón que chegan coa experiencia previa dun alcalde que non executou actuacións recollidas en anteriores orzamentos”. Un exemplo disto para o grupo nacionalista son as obras de saneamento en Santa Cilia e San Acisclo, incluídas nas contas de 2016 a proposta do BNG e que non foron acometidas polo grupo de goberno malia as diversas reiteracións feitas en xuntanzas plenarias. “En fin”, sinala Seivane, “estamos diante dun alcalde que non cumpre e que esquece a palabra dada”.

O Bloque Nacionalista Galego considera que as declaracións do alcalde de Foz tentando pintar un panorama apocalíptico como consecuencia da ausencia de orzamentos non é máis que outra trécola das que nos ten acostumados. Neste sentido parécenos particularmente grave que desde o goberno se tente xogar co benestar e os dereitos dos nosos maiores, responsabilizando aos grupos da oposición do atraso na apertura da nova residencia e centro de día. A aprobación do plan económico financeiro, requisito previo para a apertura do mesmo e que acumula retrasos na súa elaboración de máis dun ano, momento no que lle foi requirido pola Xunta de Galiza ao concello, non ten ningún tipo de vinculación cos orzamentos do 2018, sendo o alcalde o único culpábel de que esta necesaria dotación non estea aínda en funcionamento.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive