Ribadeo, 22 de xuño de 2018. O Concello de Ribadeo investirá 255.000 euros ao longo deste verán en obras de mellora de estradas nas parroquias. Proceden de fondos propios e enmárcanse no plan municipal de camiños.
O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “xunto con estas obras na vila de Ribadeo que estamos a facer nestes tempos como a rúa San Roque ou mesmo coa licitación de obras da avenida da Ría de Ribadeo, tampouco nos podemos esquecer das parroquias, moi necesitadas, con firmes de moitos viarios moi deteriorados, ben sexan firmes de titularidade da Xunta, ben sexan da Deputación ou do Concello”.
O rexedor entende que “as tres administracións agora estamos intentando actualizar os camiños dunha maneira digna para os nosos paisanos e as nosas paisanas. Agora acabamos de facer un aglomerado asfáltico, entre a Xunta e o Concello, en Piñeiro na parroquia de Cedofeita. Tamén agora estamos en fase de licitación dunhas novas pistas en Meirengos a Rinlo e en Cinxe”.
Suárez Barcia anunciou que “desde o Concello de Ribadeo nestes vindeiros días imos licitar un paquete de camiños moi grande, cun importe de 255.000 euros que van saír de fondos propios totalmente, onde lle imos dar unha volta a practicamente todas as parroquias. Imos dividilo en varios lotes para que os licitadores poidan puxar por un, dous, tres ou catro en total, e así poder executar neste verán, cando a climatoloxía mellor o permita, cando haxa máis calor e chova menos, para poder facer todas estas obras nos próximos meses”.
O alcalde dixo que “deste xeito á volta do verán, entre o que vai facer a Xunta na estrada Reme-Vilamar, como o que vai aglomerar tamén a Deputación nos seus viarios que están profundamente deteriorados desde hai anos, que entendemos tamén vai ser en agosto, xunto con estas obras deste plan municipal de camiños, penso que en poucos meses a rede de camiños das parroquias de Ribadeo van levar unha actualización, que ben o merecen”.