17 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Coral presentou o seu novo CD, Legado Indiano

11-07-18

Ribadeo 11-7-18. O pasado sábado, no Parador, a Coral presentou o seu novo CD. Familiares, amigos, medios de comunicación e representantes institucionais do Concello e Xunta acompañaron aos coralistas.
Despois da intervención do tesoreiro da Coral, agradecendo á Xunta a financiación do disco e ó Concello a súa sempre inestimable colabaración, a directora da Coral pasou a relatar detalles da gravación e do disco.
Empezou amosando a súa satisfacción, que era tamén a dos coralistas, por ver este traballo rematado, despois dun ano e de algún que outro contratempo, e o agradecemento ós coralistas, protagonistas indiscutibles e imprescindibles, un tanto anónimos, que poñen a súa voz, paciencia e tempo ao servicio do canto coral, desta coral que amamos e pretendemos manter dignamente co noso traballo, non profesional, pero si responsable e humilde.
Agradeceu tamén a implicación do técnico de gravación Pipo Alvariño que gravou non só con moita paciencia e minuciosidade, sen que nin as respiracións se oíran, senón que tamén foi asesor musical, buscando a mellor interpretación e mesmo nos acompañou coa guitarra e mandolina no tema “Habaneras ribadenses”, que por certo foi a que máis nos custou gravar e se gravou de xeito diferente a como a viñamos interpretando.

Formato e programa
O formato do CD é un Digipack, unha versión máis moderna do CD, cun diseño orixinal. O debuxo circular, en forma de greca, foi elixido entre as fotos que se enviaron ós deseñadores e lembra a vista interior da cúpula da torre pequena que sostén as cariátides da Torre dos Moreno.
Hai que sinalar tamén para o resultado final a importancia das mesturas: sacar un pouco de aquí e poñer un pouco de alá, mesturas que foron feitas en Madrid, no estudio de Caco Refojo, que ten no seu haber, entre outros, dous premios Grammy.
O programa escollido ten que ver moito con título, evidentemente, e o título co programa aínda que o título foi o último que se pensou. O programa estaba máis ou menos claro: sería pretencioso que unha coral popular gravara obras clásicas ou mesmo zarzuelas, que cantamos habitualmente nos concertos; pero para escoitar ese tipo de música acódese a outras gravacións de profesionais. O noso é a música popular, de xeito culto, poderíamos decir, en polifonía, pero popular. E ese é o repertorio: popular.
A palabra Legado fai referemcia ás moitas pezas que forman parte da tradición musical da vila: habaneras de compositores locais que eran cantadas polas rúas coas Rondallas, nas familias e grupos de amigos, habaneras que non estaban gravadas ata agora, e que, deste xeito, quedarán xa non só na memoria. Neste legado están tamén dous poemas de El Viejo Pancho, que foron cantados e gravados por Carlos Gardel, pero que agora poderán volver coller sona e se farán máis nosos.
O resto do programa, ata 14 pezas, fai referencia á palabra Indiano: música de alén do mar (cubana sobre todo) e deste outro lado: partida, chegada e retorno, en moitos casos, destes emigrantes que, con máis ou menos fortuna, buscaron unha vida mellor e que marcan unha parte da nosa historia, persoal e social.
O resultado, que vostedes xulgarán, é un traballo digno, non perfecto (cualidade reservada en todo caso aos profesionais), pero si feito con entrega, entusiasmo, responsabilidade e moita esixencia por parte de todos nós, que transmite o noso sentir e a nosa forma de traballar e entender a música, dende esta perspectiva coral, a medio camiño entre o popular e o culto. Desexamos que compartan con nós estas músicas e que disfruten con elas, escoitándoas e cantándoas e tamén, deste xeito, contribuíndo a preservar o noso legado musical.

O CD estará á venda en varios locais comerciais da vila: Farmacia Carmen Álvarez Lebredo, Bis a Bis, Gráficas Santiago, Foto Miguel, Pequerrechos, bar A Ribeira, Oviedo Bar 2 Rolle e Hotel Rolle.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive