17 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Alfredo Llano reclama melloras nas comunicacións por autobús entre Burela e as cidades de Lugo, Santiago e A Coruña

10-07-18

Burela, 10 de xullo de 2018. O alcalde, Alfredo Llano, mantivo hoxe un encontro en Lugo con representantes de Tema Grupo Consultor, empresa consultora dedicada á realización de estudos de mobilidade, tráfico e transporte público, que traballa para a Xunta de Galicia. O rexedor fíxolles chegar as necesidades de Burela relativas ás comunicacións por autobús con cidades como Lugo, Santiago ou A Coruña. Alfredo Llano avoga pola posta en marcha dun viaxe diario que salga de Burela ás oito da mañá, que pare no HULA, e que lle permita aos veciños e veciñas desprazarse á capital a realizar xestións nun bo horario. O alcalde tamén demanda que Burela poida estar comunicada por bus con Santiago de Compostela os sábados, e coa cidade da Coruña os sábados e os domingos.
O rexedor comentou que “estiven en Lugo para falar de temas de transporte. É certo que xa tivemos unha medida provisional que se estaba aplicando na Mariña, en Burela, agora queren facer a definitiva desta liña de servizo de viaxeiros por autobús, e estamos mirando os servizos de autobuses do noso concello”.
Alfredo Llano asegurou que “estamos moi contentos co que está funcionando agora en toda a Mariña. Hai un novo servizo que se empezou a aplicar hai tempo, cando se fixo a primeira proposta, que vai de Viveiro a Ribadeo e de Ribadeo a Viveiro, pasando por Burela en todos os servizos. Por un lado cubre perfectamente as necesidades que poida ter a xente para ir ao hospital, calquera outra necesidade de índole laboral e para os estudantes. A experiencia este curso funcionou bastante ben”.
O alcalde sinalou que “a proposta que lles fixen hoxe é que a marquesiña que temos en Arcadio Pardiñas que se utilice por exemplo co obxectivo de que a xente que veña ao hospital non teña que ir á estación de autobuses a coller ese transporte senón que o poida facer xa nesta avenida. Van mirar o método máis axeitado para dar ese servizo o antes posible”.
Llano engadiu que “con respecto ao servizo de autobuses de Burela a Lugo, hai un pero que vai moi cedo pola mañá, sobre as seis da mañá, e regresa moi tarde. A miña proposta hoxe, de acordo coa demanda que hai en Burela, é que haxa un servizo de autobuses cara a Lugo, pasando polo HULA, e que saia ás oito ou oito e cuarto da mañá. Iso van falalo e para a semana que ven xa me dirán se é posible ese cambio de horario. Penso que sería moi positivo porque desa maneira chegas a Lugo ás nove e media ou dez da mañá e hai tempo para facer calquera tipo de xestión”.
O rexedor contou tamén que “había algo que preocupaba e así mo expuxo moita xente que vive, estuda ou traballa en A Coruña, que durante a fin de semana non temos comunicación nin os sábados nin os domingos coa cidade herculina. A miña proposta é que se intente facer un servizo de Burela a Coruña, penso que é unha conexión moi importante porque hai moita xente vivindo e traballando alí, ademais de moito estudante. Con respecto a Santiago hai boa cobertura os domingos e festivos, pero os sábados non hai servizo. Tamén fixen a proposta de que se mirara de colocar un servizo de Santiago a Burela e de Burela a Santiago os sábados, que agora mesmo non hai. Quedamos en volver a falalo dentro duns días, e veremos se queda todo ben para mellorar o servizo público de transporte en autobús desde Burela cara a Lugo, a Santiago e a Coruña”.
Alfredo Llano subliñou que “se cobren as nosas necesidades estaríamos contentos co servizo público, que penso que é algo que hai que potenciar, promocionar e que haxa bos horarios para que a xente o empregue, desa maneira creo que saímos gañando todos”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive