25 de Setembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Este sábado, 14 de xullo, celébrase en Ribadeo o I Desfile de charangas, que organiza Acisa. Amplíase o prazo de inscrición ata o mediodía desa xornada

11-07-18

Ribadeo, 11 de xullo de 2018. Acisa Ribadeo organiza o I Desfile de Charangas este sábado, 14 de xullo, ás 20:30 horas con saída desde a praciña de San Roque, a carón dos Cocos. A asociación amplía o prazo de inscrición ata o mediodía desa mesma xornada.
As charangas deberán estar dez minutos antes do inicio do acto nese punto para organizar a saída e a formación dos participantes.
A saída será a través da rúa San Roque ás 20:30 horas e o percorrido seguirá por Virgen del Camino, Luz Pozo Garza, Avenida de Galicia, Avenida de Asturias e rúa San Francisco para rematar no parque San Francisco. A organización pretende obstaculizar o menos posible o tráfico e dinamizar as rúas que tradicionalmente contan con menos eventos, xa que Acisa quere chegar ao máximo número de socios.
As charangas participantes encherán de música e baile as rúas de Ribadeo e unha vez rematado o desfile farán un último baile no parque San Francisco. Despois terá lugar a entrega do premio de 200 euros en vales de compra, e do trofeo por ter participado, a cada unha delas para que despois sigan animando a noite de Ribadeo se así o desexan.
O presidente de Acisa, Francisco Iriarte, salientou que “esta edición esperamos que sexa a primeira de moitas, e a día de hoxe contamos con catro charangas: A Folixa, de Vegadeo; Habelas Hainas, de Barreiros; A Choca e Aturuxo, ambas de Ribadeo. Co propósito de facer máis grande o desfile, ampliamos o prazo de inscrición ata o mesmo sábado ao mediodía. Sabemos que hai outras tantas charangas interesadas en vir, pero a moitas delas fáltanlles integrantes por motivos laborais e non poden estar. Tamén sabemos que coincidimos con festas pero, como para todo debe haber un comezo, este é o primeiro ano e estamos seguros que o vindeiro teremos o dobre de charangas”.
Francisco Iriarte engadiu que “esta é unha actividade organizada por Acisa coa colaboración do Concello de Ribadeo dentro do marco do convenio anual de actividades que temos asinado”.
O presidente de Acisa quere “dar as grazas, xa de antemán, ás charangas que se apuntaron. Somos conscientes das dificultades que están tendo e agradecemos o esforzo que fan, ao igual que coas que falamos case a diario para saber se finalmente poderán participar. Xa estamos traballando en buscar unha data mellor para a celebración do desfile do ano que ven”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive