17 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

“FOZ: MONUMENTO Ó MARIÑEIRO”

10-07-18

A historia dos pobos non a escriben os cronistas: escríbena, día a día, os seus habitantes; os homes e mulleres que, co trafego cotiá; as magoas e ledicias; cos traballos e ilusións, as grandezas e miserias, van marcando o decorrer dos tempos, o vieiro que define aos pobos: o seu talante e idiosincrasia; en definitiva, o que constitúe a esencia do seu ser. Aos cronistas quédalles só a misión de espallar esa historia, e de non permitir que sexa manipulada ou falseada.
É, a de Foz, unha historia escrita a golpes de mar. Aquí, neste mar das nosas venturas, e dos nosos dramas; das nosas frustracións temos, a maioría dos focegos de nación, as raíces; aínda aquéles a quen a vida marcou outros rumbos: a miña avoa foi pescantina, e meu pai mariñeiro, nos tempos heroicos da vela e o remo; navegante polos mares de medio mundo, e armador.
Foz é mar. Os mais vellos papeis falan da dedicación mariñeira das súas xentes: polos séculos XV-XVI, contaba cun dos tres asteleiros mais importantes de Galicia, xunto con Muros e Baiona. Lence-Santar- o historiador e cronista oficial de Mondoñedo,conta cómo en 1762, a ameaza dunha incursión marítima alarmaría á poboación: mentres trataba de entrar no porto un falucho procedente das rías galegas, un corsario inglés viuno acosando ata moi preto da barra. A pesar do contratempo, a barca galega entrou no porto,namentres os ingleses, unha vez ancorado o navío nas proximidades, penetraron nun bote ata o peirao.Despois de saquear a pinaza galega, os corsarios asasinaron ó capitán. Cando os focegos se decataron do que pasaba, botáronse en auxilio da tripulación galega e fixeron que os corsarios ingleses fuxiran precipitadamente.
O diccionario de Madoz, editado en 1845, destaca a nosa vila como praza pesqueira, e durante as catro primeiras décadas do S.XX, Foz estaba considerado como o primeiro porto de pesca e cabotaxe da provincia.
O 14 de xullo de 2002 inaugurouse o monumento en honra da xente do mar, simbolizada no mariñeiro, situado no portiño de Tupide, en lembranza daqueles que ó longo dos tempos escribiron a nosa historia.Daqueles homes do gremio do mar que en 1786 mandaron facer a imaxe de San Pedro que se venera na igrexia parroquial, e dispuxeron festa e actos na súa loanza e diversas disposicións sanitarias e sociais para os asociados; aqueles que en 1818 aforaron 74 ferrados de terreo no Campo da Cabana para extender as redes.Aos que en 1918 crearon a Sociedade de Socorros Mútuos, ou aos que en 1929 se xuntaban na Casa de Otilia, para pór a andar a Confraría de Pescadores.¡Os homes do mar de Foz..!. Da nosa nenez lembramos a figura de vellos mariñeiros, auténticos lobos de mar, aos que nós ollábamos como seres case míticos: o vello Tristán, de longas barbas; o patriarca Castiñeira,o ocorrente Carallán, o Relámpago, Chao e o bondadoso Chila; o señor Ramón deAmbrosio, que a principios do século pasado armara a vapora La Unión, con 22 socios, pioneiro na modalidade cooperativa… ou a ringleira de marzanegos- labregos e mariñeiros—que de madrugada nos espertaban do sono infantil co choclear das zocas pola estrada abaixo, camiño da ribeira…Así se perpetúa a homenaxe a tantos mariñeiros nosos que deixaron a vida no diario esforzo por arrincar das entranas do mar o sostén da familia e a riqueza do pobo.Alí, preto da traidora barra, permanente e dramática ameaza, da que endexamais os gobernantes quixeron liberarnos.
A historia dos pobos non a escriben os cronistas. Son os autores, os seus homes e mulleres.Loor a uns e ás outras. E tamén o desexo dunhas felices festas da Patroa das xentes do mar.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive