Foz, 19 de xullo de 2018. O Concello de Foz está a piques de rematar a obra de impermeabilización da fachada do centro social focense, que tiña grandes problemas de humidades. Esta actuación conta cun investimento de máis de 26.000 euros.
O alcalde, Javier Jorge Castiñeira, anunciou hoxe que “durante estas últimas semanas estivéronse facendo traballos de impermeabilización do centro social de Foz, que está na praza Conde de Fontao. Alí alberga os Servizos Sociais do noso Concello máis outras organizacións e asociacións, como poden ser a asociación de discapacitados Virxe do Carme, as amas de casa, a asociación de viúvas e a asociación contra o cancro; e ademais é onde fan multitude de ensaios grupos de música do noso concello”.
O rexedor lembra que “había unhas queixas moi grandes polas humidades en zonas que afectaban ao interior deses locais polas filtracións que tiña esta fachada. E o pasado ano 2017, para o uso do remanente e dentro dos acordos dos orzamentos, todos os partidos da corporación adoptamos a decisión de poñer unha partida para a reparación desta fachada do centro social”.
O alcalde salienta que “xa se fixo gran parte desa reparación, seláronse as xuntas de pedra e todas as ventás. Fixo un efecto moi positivo, notouse xa o cambio no interior e xa non hai esas filtracións. Unicamente queda o remate do hidrofugado da pedra cun verniz especial, pero estase esperando a que pasen estes días de humidade para evitar que queden coloracións diferentes na fachada”.
Javier Castiñeira rematou comentando: “estamos contentos. Son máis de 26.000 euros o investimento desta obra que se lle adxudicou á empresa Construcciones Naray e que están a punto de ser rematada. Non deixa de ser un compromiso máis cumprido por este equipo de goberno, que ía dentro das peticións dos grupos municipais nas negociacións dos orzamentos do ano pasado. É unha obra positiva para os Servizos Sociais do noso Concello e para moitas asociacións e organizacións que teñen aí a súa sede”.