19 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O Concello de Viveiro fará campaña para previr agresións sexistas no Resurrection Fest

11-07-18

Viveiro 11-7-18. A Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, anunciou a posta en marcha dunha campaña para previr agresións sexistas no Resurrection Fest 2018, que desenvolverá o Concello coa colaboración da organización do festival.
A Alcaldesa explicou que “aínda que nas 12 edicións anteriores non houbo denuncias de mulleres por agresións sexuais, consideramos importante facer un traballo preventivo, por iso no Concello de Viveiro tomamos a iniciativa de deseñar un protocolo contra as agresións sexistas, traballamos nisto e este ano imos poñer un punto lila de atención no recinto do Festival, que estará situado nun sitio que se poida ver ben”.
Loureiro García destacou que “o obxectivo é que todas aquelas mulleres que se sintan agredidas ou simplemente incómodas saiban que contan con un punto de referencia ao que acudir, no que se lles pode axudar e dar as pautas do que teñen que facer, e a existencia deste punto lila tamén servirá para disuadir aos posibles agresores”.
Nesta campaña, distribuiranse uns dípticos informativos tanto no recinto do festival como nas zonas de acampada, pois os profesionais consideran que esa pode ser unha zona delicada, no momento no que acaban os concertos e o público marcha para as tendas de campaña.
Ademais, a Alcaldesa anunciou que se proxectará un vídeo protagonizado por diferentes personalidades, coñecidas tanto a nivel local como autonómico ou nacional, no que se difunden mensaxes moi claras de apoio á campaña Non é Non. Con esta iniciativa, Viveiro súmase a esta campaña porque, como detallou a Alcaldesa, “queremos concienciar a todo o mundo e que todas as mulleres que vaiamos ao festival poidamos divertirnos tranquilas e que non nos sintamos incómodas”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive