21 de Xullo de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

O PSOE leva ao Parlamento as demandas dos veciños de Xove que reclaman á Xunta seguridade para os peóns na glorieta de Beltrán

06-07-18

Xove, 5 de xullo de 2018.- O Secretario xeral do PSOE na provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, respaldou en Xove aos veciños que protestan pola falta de seguridade que sofren os peóns na glorieta de Beltrán. Santos Ramos amosou o seu apoio ás demandas dos veciños, que non dispoñen de pasos de peóns sinalizados para cruzar polas inmediacións da Vía de Alta Capacidade, nunha zona moi transitada polos veciños e anunciou que “os socialistas levaremos ao Parlamento galego as demandas veciñais para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve. A Xunta do PP desenténdese da seguridade dos veciños e, ademais, falta ao respecto dos cidadáns aos que se debe calquera administración xa que nin se molesta en responder ás demandas que lle fixeron chegar hai máis dun ano nun escrito asinado por 72 cidadáns”.

O Secretario xeral do PSOE, que mantivo un encontro cos veciños e veciñas de Beltrán, considerou “escandaloso o comportamento do PP, pois os veciños reivindican algo xusto, máis seguridade vial para os peóns nunha zona que é moi transitada, e a Xunta faise a xorda, non lles fai ningún caso e nin sequera responde ás súas reclamacións”. Santos Ramos anunciou que “os socialistas presentaremos unha Proposición non de Lei no Parlamento galego para dar solución a un problema de seguridade que a Xunta coñece pero non resolve”.

Máis dun ano esperando resposta da Xunta
O PSOE insta á Xunta do PP a solucionar mediante pasos de peóns ou calquera outra solución técnica este problema na iniciativa que vai presentar no Parlamento galego. Os socialistas toman a iniciativa xa que o Goberno galego ignora a petición de seguridade para os peóns que cruzan a vía que dá acceso á Vía de Alta Capacidade e ao camiño da Meixoeira .A inseguridade da zona foi denunciada por 72 veciños nun escrito dirixido á Delegación da Xunta que non tivo ningún tipo de resposta.

No escrito, presentado en marzo de 2017, veciños, traballadores e transeúntes pedían a instalación de pasos de peóns sinalizados para garantir a seguridade dos veciños de Beltrán no cruce da vía que dá acceso á Vía de Alta Capacidade e ao camiño da Meixoeira. Os asinantes lembran que coa posta en servizo da Vía de Alta Capacidade do norte de Lugo, creouse unha glorieta no punto quilométrico 98,230 da estrada LU-862 que dá acceso á VAC, quedando dividido o núcleo de casas de Beltrán e sen acceso a pé ao camiño denominado A Meixoeira, que ten entrada e saída á devandita glorieta e que serve de paso ás fincas, polo que os veciños de Beltrán transitan normalmente con apeiros de man e con gando. Tamén existe un campo de fútbol no que a diario se fan adestramentos e os asistentes cruzan o acceso ao devandito Vial para dirixirse a un restaurante situado nas proximidades da rotonda.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive