18 de Outubro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

A Banda Municipal de Música de Ribadeo ofrecerá a vindeira semana os tradicionais concertos de San Roque, o día 16, e en Cabanela o 18 de agosto. Ademais o venres 17 actuará en Luarca

08-08-18

Ribadeo, 8 de agosto de 2018. A Banda Municipal de Música de Ribadeo terá tres actuacións a vindeira semana e a primeira delas será o día 16, xoves, cando ofrecerá o tradicional concerto de San Roque ás 13:30 horas a carón da capela do copatrono da vila ribadense. O día 17 a Banda de Ribadeo actuará na localidade asturiana de Luarca e o sábado 18 terá lugar en Cabanela o tradicional concerto churrascada, ás 21:00 horas.
O director da Banda, David Ballester, anunciou hoxe que “a Banda Municipal de Música de Ribadeo segue cos seus concertos de verán. Esta semana que vén será axetreada xa que o día 16 de agosto, como é tradicional, a Banda Municipal celebrará San Roque cun concerto á unha e media do mediodía xusto a carón da capela de San Roque, no que interpretaremos un repertorio variado”.
David Ballester engade que “o día 17 de agosto, debido a que o ano pasado a Banda de Música de Luarca veu visitarnos no Festival de Bandas, este ano respondémoslle nosoutros coa nosa visita e iremos a Luarca, que celebra o San Timoteo, e tamén participaremos alí nun festival de bandas”.
O director da Banda Municipal de Música de Ribadeo adianta ademais que “o sábado 18 de agosto ás nove da noite teremos o tamén máis que coñecido concerto churrascada en Cabanela, onde a Banda segue co seu creo que bo facer e vai interpretar obras coñecidas. Como é un concerto máis informal imos interpretar temas animados actuais, non vou dicir cales, pero a xente que vaia seguramente os identifique e vai ser un concerto movido. Ao rematar a actuación haberá esa churrascada, na que sempre nos axudan os Amigos da Semana Santa, aos que lles agradecemos a súa colaboración”.
Ballester remata invitando “a toda a xente que estea en Ribadeo a celebrar o San Roque ca Banda Municipal de Música e a achegarse a Cabanela o día 18 para gozar dese concerto”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive