15 de Decembro de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Acisa fai unha valoración positiva da Noite Cálida, que encheu de música e de xente as rúas de ribadeo. Nen@s e maiores quedaron con gañas de máis Bolechas e de máis música na rúa

10-08-18

Ribadeo, 10 de agosto de 2018. Acisa fai unha valoración positiva da Noite Cálida, que encheu de música e de xente as rúas de Ribadeo na tarde e noite do xoves.
Desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos o seu presidente, Francisco Iriarte, sinalou que “a presenza de Os Bolechas foi un atractivo impresionante para os nenos e nenas, que sacaron centos de fotos con eles. Os Bolechas percorreron as rúas de Ribadeo durante preto de tres horas facendo as delicias dos máis pequenos e pequenas. Queremos agradecerlle á Xunta de Galicia a súa colaboración para poder contar con Os Bolechas na xornada de onte na nova vila”.
Para Iriarte “tanto Os Bolechas como as actuacións musicais que se desenvolveron en diferentes puntos de Ribadeo fixeron que a xente percorrera a localidade e aproveitara para facer compras ou para tomar algo. Aínda que este verán está a ser moi variable, polo que á climatoloxía se refire, consideramos que a Noite Cálida animou a xente a saír, as rúas estaban cheas de xente, moitas máis tendas das que inicialmente se inscribiron participaron e ampliaron o seu horario comercial e os bares, tanto durante como despois das actuacións musicais, tiveron máis clientela que un xoves calquera de verán”.
O presidente de Acisa engadiu que “as actuacións musicais de La Malquerida, Something e Miguel Alonso foron un éxito. Estamos moi contentos do resultado e da cantidade de xente que se reuniu na Avenida Rosalía de Castro, onde foi a primeira vez que se organizou un evento destas características por parte de Acisa, así como na Avenida de Galicia. Os grupos e o solista soaron moi ben e houbo xente que fixo o percorrido completo para escoitar as seis citas que programamos na tarde noite de onte”.
Pola súa banda, o xerente de Acisa tivo palabras de agradecemento “para a axuda dos membros da directiva que puideron estar nas actuacións musicais, sabendo que unha boa parte estaban traballando nos seus negocios. Aproveito para dar as grazas aos dous colaboradores cos que contamos Daniel Prieto e Aitor García, xa que coa súa presenza a coordinación das actuacións musicais foi moito máis rápida e sinxela. Grazas tamén aos grupos, que chegados desde Xixón, Navia e Ferrol puxeron a nota musical da Noite Cálida 2018, organizada por Acisa. Sabemos que gustaron moito ao público, porque así nolo comentou a xente pola rúa. De feito quedaron con gañas de máis”.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive