19 de Agosto de 2018

Correo | Favoritos  | Imprimir   

Mariña Patrimonio coñeceu o patrimonio civil e relixioso de Lourenzá

08-08-18

A Mariña 8-8-18. O pasado sábado o grupo que respondeu á convocatoria de Mariña Patrimonio puido gozar dunha agradable xornada, á marxe da vaga de calor que asfixiaba o resto do país, visitando o Concello de Lourenzá, un fermoso e produtivo val que, ademais dunha extraordinaria fertilidade, posúe un interesante patrimonio civil e relixioso. A visita incluíu, á parte das singulares igrexas parroquiais de San Xurxo, Sto. Tomé e San Adriano, a sobria fortaleza de Tovar e mailo Mosteiro de San Salvador, que garda marabillosos tesouros coma o sepulcro do Conde Santo ou o relicario da sacristía, así como unha interesante colección de pinturas. Un patrimonio de gran valor que merecería, sen dúbida, dunha maior atención por parte das entidades responsables da súa conservación para frear o seu evidente deterioro.

O noso agradecemento ao Concello de Lourenzá e ao guía municipal, Antón Expósito, que nos axudou a preparar as visitas, nos acompañou e nos aportou interesante información; ao párroco D. José, que nos permitiu e facilitou o acceso aos templos parroquiais, e á guía do pazo polas súas explicacións e por adaptarse ao noso horario.

Un éxito tamén a parte gastronómica na casa de comidas O Xiraldo, que nos deixou un grato sabor de boca.

Finalmente, agradecemento ao noso compañeiro Antón Niñe, que propuxo esta visita e nos acompañou aportando o seu coñecemento, así coma un “doce” remate para esta xornada.

Website Pin Facebook Twitter Myspace Friendfeed Technorati del.icio.us Digg Google StumbleUpon Premium Responsive